81 ANOS DO ASASINATO

O BNG apela á autoorganización do pobo galego na homenaxe a Ánxel Casal

O BNG apela á autoorganización do pobo galego na homenaxe a Ánxel Casal

O BNG de Santiago de Compostela homenaxeou na mañá do sábado Ánxel Casal con motivo do 81 aniversario. Un acto que contou coas intervencións de Rubén Cela, portavoz municipal do BNG, Emilio Grandío, historiador, e Argantel Kerdudo, membro de Galiza Nova, e en que se atopaban, entre moitas outras persoas, Fernanda e Carme, as sobriñas de Ánxel Casal.


“Nada se ergue sobre o baleiro da desmemoria e da amnesia selectiva. Contra ese baleiro imposto durante tantos anos a este país só hai un antídoto: lembrar”. Así comezaba a súa emotiva, e tamén reivindicativa, intervención Rubén Cela, portavoz municipal do BNG en Compostela, na homenaxe que a forza nacionalista organizou con motivo do 81 aniversario do asasinato de Ánxel Casal.

“Con el lembramos a Compostela  Mártir: a quen sofreu desterro, aldraxes ou torturas, a quen padeceu traballos forzados construíndo o aeroporto de Lavacolla ou á quen sofreu en silenzo a violencia menos visíbel, pero non por iso menos dura. Aludía, así, Rubén Cela, a Coralia e Maruxa Fandiño Ricart –as Marías–, os fusilados en Boisaca ou os abandonados, sen vida, nas gabias de toda a comarca.

"A Casal matárono, fundamentalmente por ser nacionalista, por non renunciar á construción dunha patria galega libre e xusta"

O portavoz municipal do BNG lembrou, na súa intervención, que os fascistas mataron o editor e político pola defensa inquebrantábel da Galiza e dos seus dereitos nacionais; da democracia, da liberdade e dunha sociedade máis xusta e igualitaria, “a Casal matárono, fundamentalmente por ser nacionalista, por non renunciar á construción dunha patria galega libre e xusta”.

A continuación, Rubén Cela realizou un percorrido pola traxectoria de quen fora alcalde do Concello de Santiago. Fixo fincapé na loita a prol do Estatuto do 36, así como no seu labor no ámbito cultural e no ensino, “queremos lembrar a quen tanto traballou para editar A Nosa Terra desde xuño de 1933 para dotar este país de medios de comunicación propios e na nosa lingua, precisamente desde esta imprenta da rúa do Vilar”, a rúa en que o BNG convocara un acto. Salientou, a continuación, as palavras de Avelino Pousa Antelo, quen aludía ao espazo de Casal nesta rúa como “o pequeno templo  do traballo, da intelectualidade e do libro galego”.

E a democracia plena?

O portavoz do Bloque en Compostela cargou contra o actual sistema político, que está lonxe de ser “unha democracia plena”. Chegou, advertiu, “unha transición fraudulenta pactada entre a dereita e a esquerda española, dirixida polo mesmo franquismo e supervisada polo mesmo exército que acabaron coa vida de Ánxel Casal”.

"Ánxel Casal vería como o Estado español ten unha corta (e mala) cultura democrática e como non está disposto a recoñecer o seu carácter plurinacional"

O editor e político “vería con vergoña como os seus asasinos e os seus descendentes, corenta anos despois da morte do ditador seguen a desfrutar do Pazo de Meirás e a facer apoloxía do terrorismo sen que nin o goberno galego nin español movan un dedo”, engadiu Cela, “ comprobaría como o Estado español ten unha corta (e mala) cultura democrática e que non está disposto a recoñecer o seu carácter plurinacional e actuar en consecuencia permitindo un referendo de autodeterminación pactado e vinculante como si fixo o Canadá co Quebec, o Reino Unido con Escocia ou, como fará o vindeiro ano, de Dinamarca coas Illas Feroe”.

Aludiu, de seguido, ás “ameazas” que se oirán nas próximas semanas ao redor do referendo convocado en Catalunya. O Estado, salientou, “fai augas por todas partes”, afirmou Cela, que criticou a “monarquía medieval”, “un poder xudicial ao ditado do goberno”, os privilexios da Igrexa, unha economía ao servizo da oligarquía e das multinacionais, un sistema político-económico “intrinsecamente corrupto” e un “modelo sociolaboral cruel e inxusto”. Neste contexto, apelou á “autoorganización do pobo galego” como “única posibilidade real coa que conta Galiza para avanzar na súa soberanía”.

“Unha nación sen estado non se pode autodeterminar se non hai opcións políticas que antepoñan ese obxectivo a calquera outro. En Catalunya, a unidade das forzas políticas non se está a dar en parámetros esquerda-dereita, senón de unionismo-soberanismo, autorganización vs. sucursalismo”, sinalou o nacionalista, que tivo palabras para as forzas da esquerda española, “a min encantaríame ver Pablo Iglesias e Alberto Garzón (e ás súas franquicias) defendendo sen ambigüidades o dereito do pobo catalán (e do resto de nacións do estado) a decidir libremente o seu futuro. Non o veremos. Tras unha retórica rupturista o que hai é unha práctica continuista cun estado negador da súa realidade plurinacional”.

"Era legal que os negros norteamericanos non se puidesen sentar diante do autobús, era legal a escravitude, era legal o apartheid, era legal a colonización da India...", sinalou Cela a respeito do referendo catalán

IMG_20170819_122922 (1)“Volveremos escoitar o mesmo conto que xa escoitaban Ánxel Casal e os fundadores do Partido Galeguista hai un século: a España federal, transmutada agora en falsos grupos confederais, nación de naciones, federalismo asimétrico...”, salientou Rubén Cela, “cando o único argumento para defender algo é que o di a lei, é o principio de que ese algo cambie, pois era legal que os negros norteamericanos non se puidesen sentar diante do autobús, era legal a escravitude, era legal o apartheid, era legal a colonización da India, era legal que as mulleres non puidesen votar, era legal obrigar a mocidade galega a cumprir co servizo militar obrigatorio no exército español…”.

“Eu non sei o que vai acontecer o 1 de outubro. O único do que teño a certeza é de que nada seguirá a ser igual no Estado español e que ese día, Catalunya fará historia. A súa propia historia. Fagamos nós a nosa. Esa é a mellor homenaxe que lle podemos render a Casal, a Bóveda e a todos os que, naquela longa noite de pedra, deron a súa vida por defender a vida de Galiza”, concluíu o nacionalista.

Na homenaxe, na que Rubén Cela lembrou as vítimas dos atentados en Catalunya, o BNG enviou a solidariedade do pobo galego co catalán. Tamén interviñeron no acto Emilio Grandío, profesor da USC, e Argantel Kerdudo, de Galiza Nova (na imaxe que acompaña o texto).

Na tarde do sábado terá lugar a homenaxe a Ánxel Casal convocada polo Concello de Teo, en que tamén se enmarca a ofrenda floral do BNG desta localidade.