De Rosalía a Begoña Caamaño: BNG apela á “coraxe do 8M” para ter unha voz “feminista e galega” no Congreso

De Rosalía a Begoña Caamaño: BNG apela á “coraxe do 8M” para ter unha voz “feminista e galega” no Congreso

Xulgados de violencia de xénero en todas as cidades galegas, veto aos ventres de alugueiro e aumentar a un ano o permiso por maternidade e paternidade son tres das propostas da formación nacionalista para este 28A.


“Foi o BNG cando chegou ao Congreso en 1996 a primeira forza política no Estado en rexistrar unha lei para despenalizar o aborto, e foi tamén quen impulsou en Galiza unha Lei contra a violencia de xénero pioneira que marcou o camiño que, dez anos despois, iniciaron no Estado cun pacto que segue a orientación trazada polo BNG aquí”. A portavoz nacionalista, Ana Pontón, defendeu o ADN lilá do Bloque para reivindicar a “coraxe do 8M” que faga posíbel levar unha voz “feminista e galega” ás Cortes españolas.

O Bloque quixo que o seu primeiro acto de campaña tivese como protagonistas as mulleres e as súas reivindicacións de igualdade e dereitos. “Quero apelar a esa forza das mulleres capaz de  mover o mundo para que este 28 de abril apostemos nun cambio que sitúe Galiza no mapa, con deputadas que van  dar voz aos intereses, necesidades e a realidade das mulleres do no noso país”, dixo Pontón, secundada pola candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, e medio cento de responsábeis políticas e simpatizantes ante a simbólica escultura das Marías na Alameda de Compostela.

Reivindicou a nacionalista as mulleres que loitaron e abriron camiño para camiñar cara a unha igualdade real e plena para as mulleres, “desde pioneiras como Rosalía de Castro, as que participaron na loita antifranquista, as republicanas represaliadas e a todas as mulleres que, desde diferentes ámbitos, contribuíron a fortalecer o feminismo no noso país, chámense Begoña Caamaño, María Xosé Queizán, Pilar García Negro ou Encarna Otero. Todas elas nos conectan cun fío de sororidade que une as mulleres do mundo e que como galegas queremos reivindicar”, concluíu.

Xulgados de violencia de xénero en todas as cidades galegas, veto aos ventres de alugueiro e aumentar a un ano o permiso por maternidade e paternidade son tres das propostas da formación nacionalista para este 28A.