O BNG arranca formalmente a precampaña coa convocatoria do seu Consello Nacional esta sexta feira

O BNG arranca formalmente a precampaña coa convocatoria do seu Consello Nacional esta sexta feira
Pontón, durante unha campaña
Pontón, durante unha campaña  

En nota de imprensa, a formación nacionalista informa de que o seu Consello Nacional porá en marcha nas comarcas do país un "proceso participativo de selección de candidatos e candidatas". Após o debate nas bases, o máximo órgao entre asembleas aprobará as listas o 9 de marzo.


"A militancia terá a palabra para designar as persoas que considere máis idóneas para liderar a representación do BNG nos comicios xerais", afirma Ana Pontón en declaracións realizadas en Lugo, cidade na que protagonizou un acto a prol do estabelecimento dun xulgado específico contra a violencia machista.

O BNG, dixo a súa líder, "ten as portas abertas para sumar a todas as persoas que consideran que é preciso ter unha forza propia para defender os intereses dos galegos e galegas en Madrid. Todos os que aposten por unha forza política propia teñen no BNG o seu referente", engadiu.

O estado de ánimo co que o BNG afronta o adianto electoral é bon. A organización nacionalista está "con optimismo" e nun momento en que se percibe a si propia como unha marca política "á alza" e que, enfatizou Pontón, pode presentarse ante a cidadanía "unida e cohesionada".

O discurso vaino centrar o BNG na idea forza de que Galiza debe recuperar unha "voz propia" no Congreso: "Son moitos os galegos e moitas as galegas que ao longo desta lexislatura botaron de menos o Bloque en Madrid para defender os seus intereses", acrecentou.