"QUEREMOS ENCHER GALIZA DE PONTEVEDRAS", PROCLAMA XAVIER VENCE

BNG arranca con forza en Pontevedra como "alternativa" a un PP "traidor a este país"

BNG arranca con forza en Pontevedra como "alternativa" a un PP "traidor a este país"
Convención BNG [Foto @obloque]
Convención BNG [Foto @obloque]  @obloque

Cheo absoluto -ben máis de mil persoas- no Pazo de Cultura de Pontevedra no Encontro Nacional do BNG-AA. O Bloque arranca con forza unha precampaña que se perfila como unha sorte de primarias das xerais de final de ano. Vence apresentou o BNG como alternativa a un PP "corrupto e traidor a este país". "Queremos encher Galiza de Pontevedras", proclamou. VÍDEO NO INTERIOR.


O BNG apostou en Pontevedra, a praza forte da formación frentista para a campaña das municipais, e Pontevedra, mais unha vez, non lle fallou ao Bloque, cun cheo absoluto do Pazo da Cultura.

Na súa intervención de clausura do acto, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, postulou a formación nacionalista como alternativa a un PP que definiu como "corrupto, anti-social e traidor a este país".

O líder nacionalista mostrou a súa confianza en que o 24M o BNG superaría todas as espectativas, as "propias e as alleas" e tirou de orgullo dicendo que "os agoreiros están hoxe desgustados" ante o vigor organizativo do Bloque en todo o territorio: "259 candidaturas, 4.069 candidatos, un 30% menores de 30 anos. Aquí estamos!", arengou.

"Os agoreiros están hoxe desgustados. 259 candidaturas, 4.069 candidatos, un 30% menores de 30 anos. Aquí estamos!", proclamou Vence

Quixo render tributo á "coraxe" das "candidatas e candidatos" do BNG que "plantan cara ás presións e ameazas desa rede caciquil do PP na Galiza rural e non tan rural". "Estas si son as verdadeiras candidaturas da cidadanía", proclamou.

Minuto a minuto

A seguir eis o relato, frase a frase, con algún chío polo medio, do que deu de si este Encontro Nacional do BNG-Asembleas Abertas:

 

 

[18:46]

Iván Fernández, número 1 por Ferrol: "Por solidariedade Ferrol e Galiza levamos perdendo tempo e tempo, presos de Madrid"

[18:48]

Sandra González, candidata á reelección como alcaldesa en Tomiño: "Co BNG está garantida a participación da veciñanza no goberno dos concellos"

[18:50]

Ana Ermida, candidata en Barreiros: "Ser do BNG é dar a cara e como formiguiñas acabaremos coa corrupción e o caciquismo.

[18:51]

Pilar López, candidata en Monforte: "Traballamos para lograr que a veciñanza viva mellor"

[18:54]

Rubén Cela, número 1 da candidatura de Santiago de Compostela: "Os concellos deste país non precisan dunha rexeneración, precisan dunha auténtica revolución democrática".

[18:57]

Ana González, candidata en Monfero: "As mulleres imos falar e facernos visíbeis".

 

[19:14]

Xosé Manuel Carril, número 1 da candidatura de A Coruña: "A soberanía non é cuestión de fronteiras, é de xustiza social".

[19:17] 

Francisco García, candidato á reelección como alcalde de Allariz: "Estamos a rachar co tópico de que todos somos iguais, non é certo, mal que lles pese, o BNG demostrou que somos diferentes nos concellos en que gobernamos".

[19:18]

Leticia Santos, candidata de Moaña: "Galiza non é un país pobre, é un país espoliado".

[19:23:]

Serafín Otero, número 1 da candidatura de Vigo: "Chamamos á insubmisión para facer dos concellos galegos un territorio libre de recortes"

[19:27]

Rubén Arroxo, candidato á Alcaldía en Lugo: "Somos a xeración máis estafada da historia".

[19:34]

Momento para entoar o Grândola Vila Morena, no 41 aniversario da Revolução dos Cravos.

[19:35]

Susana García, candidata número 1 en Ourense: "Non queremos concellos gobernados polos especuladores".

[19:42]

Miguel Lores, candidato á reelección como alcalde en Pontevedra: "Nin misas nin Ence, nin Elnosa nin touros, aquí non enganamos a ninguén".

[19:45]

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG:

"Os agoreiros están hoxe disgustados: 259 candidaturas, 4.069 candidatos, un 30% menores de 30 anos. Aquí estamos!"

"Superaremos as expectativas. As propias e as alleas".

 

[19:59]

O ateigado Pazo da Cultura entoa o Himno nacional galego, pondo fin ao Encontro do BNG-Asembleas Abertas.

[Foto: BNG]