O BNG asegura que está “en remontada” e que pode obter 2 escanos que lle quita á dereita

O BNG asegura que está “en remontada” e que pode obter 2 escanos que lle quita á dereita

Ana Pontón apela ao voto indeciso para lograr que Galiza “sexa decisiva”.


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou este domingo no mitin de Ponteareas que a formación nacionalista está “en remontada” e que actualmente disputa dous escanos, un pola Coruña e outro por Pontevedra, coa “dereita de [Praza de ] Colón”. Por iso apelou, “desde a ilusión”, ás persoas indecisas para que se mobilicen e permitan que “Galiza sexa decisiva” a través do voto ao BNG.

“Esta é a nosa oportunidade Ana, desta vai, é o que me din cada día máis persoas ”, confesou a portavoz nacionalista, que subliñou un argumento que mantén desde a precampaña: nun escenario sen maiorías absolutas, os votos dos deputados e deputadas nacionalistas “van determinar a política do Estado a favor da xente deste país”.

“O PNV acaba de demostrar a importancia de ter unha forza política propia que defenda os intereses da súa cidadanía conseguindo para Euskadi en 24 horas a transferencia da AP68. Iso faremos a partir do 28A con Galiza”, proclamou.

Pola súa parte, a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, comprometeuse a defender no Congreso unha política forestal axeitada para poder desenvolver un aproveitamento económico "diversificado, sustentábel e rendíbel" dos montes galegos. Lembrou que os concellos da comarca foron dos máis afectados nas pasadas vagas de lumes e salientou que as actuacións das administracións competentes na xestión do monte en lugar de aproveitar as potencialidades convertérono “no maior problema ambiental de Galiza”.