O BNG quere que a axenda galega ante Madrid sexa froito dunha ponencia parlamentar

O BNG quere que a axenda galega ante Madrid sexa froito dunha ponencia parlamentar
Ana Pontón
Ana Pontón  Foto: BNG.

Un acordo de país que logo negociar en Madrid. Iso é o que plantexa o BNG. Que a súa proposta de confección dunha axenda galega non sexa unha iniciativa partidaria, senón que naza do consenso no seo dunha ponencia parlamentar. Así o expuxo esta segunda feira en conferencia de imprensa Ana Pontón.

 


O país está politicamente desaparecido no estado e precisa do concurso de todas as forzas políticas para facerse un oco na orde de prioridades da Moncloa. Así o entende o BNG e por iso esta segunda feira Ana Pontón, en conferencia de imprensa, propuxo criar unha ponencia no Pazo do Hórreo para dar forma a unha axenda galega de asuntos a reivindicar en Madrid.

"Queremos que haxa unha unión como galegos e galegas para defender aquilo que é xusto e ao que temos dereito frente ao Estado", esclareceu Ana Pontón, daí que o BNG teña claro que "os intereses de Galiza" deben estar por enriba "dos intereses partidistas".

Que se abra a consensuar a axenda galega con outras forzas non significa que o BNG non teña claro cais son os trazos mínimos sobre os que edificar o temario dunha negociación con Madrid. Aí están a transferencia da AP9, a abordaxe do devalo demográfico, o pagamento dos 182 millóns de euros que o Estado debe a Galiza en materia de financiamento ou a dotación de máis fondos para combater a emigración xuvenil e a violencia de xénero. Aliás, tamén hai espazo para as infraestruturas neste catálogo de demandas, desde a conclusión do AVE e a implantación de cercanías até o traslado a Galiza das competencias sobre os portos de interese xeral, "cos que o estado está a facer caixa pero aos que discrimina en materia de investimentos", dixo Pontón en clara alusión ao distinto tratamento que o Ministerio de Fomento outorga ás dársenas de Valencia e A Coruña.

Que se abra a consensuar a axenda galega con outras forzas non significa que o BNG non teña claro cais son os trazos mínimos sobre os que edificar o temario dunha negociación con Madrid

Desde o prisma do BNG, a axenda galega ten tamén necesariamente que incluír o reforzamento do autogoberno do país, na perspectiva do avanzo na súa capacidade de decisión. "Galiza precisa un novo marco político que nos defina como nación e nos dote de novas ferramentas para afrontar os problemas que temos, ferramentas como un concerto económico —que garanta a recadación e xestión íntegra de todos os nosos recursos financeiros— ou unha tarifa eléctrica que permita abaratar a factura da luz".

"Estamos nun momento importante de mudanzas no estado, nun momento evidente de mudanza de ciclo e Galiza non pode continuar desaparecida da política estatal, porque iso significa perder oportunidades e temos moito que gañar se confiamos nas nosas propias forzas", enfatizou a líder nacionalista, quen non dubidou en lanzar dardos dialécticos ás forzas do vello bipartidismo: "Este país non pode ser o escenario dun pim pam pum para as forzas estatais, cun PP e PSOE que mudan de opinión en función de se están no goberno ou na oposición".