Pontón carga contra a “marxinación” de Galiza en infraestruturas

Pontón carga contra a “marxinación” de Galiza en infraestruturas

Ana Pontón tomou parte nun acto simbólico en defensa da modernización do tren en Ferrol, excluído do eixo atlántico ferroviario.


O BNG organizou acto simbólico en defensa da modernización do tren en Ferrol, excluído do eixo atlántico ferroviario e cun traxecto entre a cidade departamental e A Coruña "propio do século pasado”, cando este medio debería, insisten as nacionalistas, ser unha das principais opción de mobilidade entre ambas cidades.

Para a portavoz nacional, Ana Pontón, esta realidade “evidencia o abandono do Estado das infraestruturas ferroviarias entre Ferrol e A Coruña e do disparate de non ter as mesmas infraestruturas e oportunidades. Cun tren rápido entre ambas cidades e cunha aposta pola modernización de FEVE, teríamos unha área de 600.000 habitantes comunicada. Xa está ben que o Estado nos trate como cidadáns de segunda”.

Para denunciar que o Goberno do Estado "mantén un tren decimonónico a velocidades que son facilmente superábeis por unha persoa en bicicleta", Pontón, acompañada, entre outros, do candidato do Bloque en Ferrol, Iván Rivas, subiu á bici, "o tren que comunica estas dúas cidades ten tramos nos que circula a 20 quilómetros por hora, unha velocidade que calquera ciclista afeccionado pode superar con facilidade.  Eu mesma podería coller a bicicleta e facer a viaxe en tren e aínda me daría tempo de tomar unha cervexa na estación”, ironizou.

Entre Ferrol e A Coruña hai unha distancia física de 69 quilómetros, pero o tren que comunica ambas urbes por unha vía inaugurada hai cen anos sen apenas modernizar precisa até 145 minutos para chegar dunha cidade a outra. 80 minutos na mellor das opcións. “Nese tempo, o tren do eixo atlántico fai o traxecto de 180 quilómetros que separan Coruña de Vigo e poderíamos tamén facer o traxecto A Coruña-Santiago ida de volta de 150 quilómetros”, explicou a portavoz nacionalista.

Un Ministerio de Familia?

Pontón cualificou de “ocorrencia carca” a proposta de Pablo Casado de crear un Ministerio de Familia como solución ao problema demográfico de Galiza. “A solución non pasa por unha proposta carca e rancia, do século pasado”, afirmou, senón por  “darlle futuro” a mocidade, con empregos dignos, medidas de conciliación familiar e laboral e de igualdade.

“Nos últimos dez anos emigraron de Galiza máis de 150.000 mozos e mozas baixo o Goberno do PP, e o que precisan a xente nova e ter emprego, futuro e oportunidades neste país”, argumentou Pontón. Por contra, a líder nacionalista ten claro o que non necesita a xuventude galega.