GOBERNOS LOCAIS

O BNG de Catoira valorará presentarse á alcaldía mais nunca co PP

O BNG de Catoira valorará presentarse á alcaldía mais nunca co PP
[Imaxe: SG] Torres do Oeste de Catoira
[Imaxe: SG] Torres do Oeste de Catoira  

Após máis de 30 anos de maioría absoluta do PSdeG, os pactos decidirán o novo goberno local de Catoira. O BNG estuda a posibilidade de presentarse á alcaldía mais coas premisas de nin negociar nin pactar co PP e tampouco permitir que este chegue ao goberno. O Partido Popular non se rende e continúa querendo o bastón de mando.  


No concello de Catoira durante máis de 30 anos gobernou o PSdeG sen interrupcións á vista até que o pasado domingo perdeu a maioría absoluta baixando de 7 a 5 actas. O PP medrou de 1 a 3 e o BNG mantivo as súas 3 que xa tiña.

Os pactos decidirán agora quen gobernará en Catoira. No PP queren optar á alcaldía como sexa, incluso pactando co BNG, algo que o Bloque descarta por completo baixo o compromiso de impedir gobernos da dereita en toda Galiza.

O Bloque impedirá gobernos da dereita en toda Galiza

O que si estuda o BNG local de Catoira é a viabilidade da presentar candidatura á alcaldía, após tres décadas de gobernos do PSdeG. De todas formas, desde o Bloque Nacionalista Galego remarcan en que non houbo ningún contacto co PP, non se vai negociar co PP e non van facer ningunha acción que poda propiciar que haxa alcaldía do Partido Popular.

Xan Castaño, quen encabezou a candidatura do BNG en Catoira, valora a política do alcalde do PSdeG de caciquil

Xan Castaño, quen encabezou a candidatura do BNG en Catoira, valora a política do alcalde do PSdeG de caciquil e favorecedora de portas xiratorias, que chegou “ao extremos” de resultar un edil do seu grupo como funcionario “definitivo” no último concurso oposición "denunciado" polas persoas que se presentaron. Ademais, Castaño remarcou que a débeda municipal pasou de máis de catro millóns a superar os oito millóns de euros coa alcaldía actual. Estes son algúns dos motivos que levan ao BNG a formularse presentar candidatura propia á alcaldía.  

Mentres, o candidato do Partido Popular asegurou aos medios que a súa lista e a nacionalista coinciden en que Catoira votou por un cambio, mais o BNG asegura que non vai permitir que ese cambio implique o PP no goberno ou pactos coa dereita española.

De feito, a formación nacionalista remarcou tanto hoxe, por medio do membro da executiva nacional do BNG Rubén Cela, como o propio órgano executivo nun comunicado na cuarta feira, que o BNG avaliará “caso a caso” cada localidade e cada posibilidade de pacto, sendo a militancia a través das asembleas locais quen sexa clave nas decisión.

"Calquera acordo formularase en base a criterios programáticos que permitian “dar á veciñanza gobernos transformadores, en clave de país", recolle o comunicado da executiva

Engadiron ademais que, en todo caso, calquera acordo formularase en base a criterios programáticos que permitian “dar á veciñanza gobernos transformadores, en clave de país, que aposten por un modelo municipal no que se teñan en conta cuestións como a mobilidade, a sustentabilidade, as políticas sociais e de igualdade, a defensa da economía local e de proximidade ou o apoio a lingua e a cultura do país”.