8 DE MARZO

O BNG chama a erradicar o acoso laboral

O BNG chama a erradicar o acoso laboral
Noa Presas, Maribel Coto, Nélida Pisco e Ana Pontón
Noa Presas, Maribel Coto, Nélida Pisco e Ana Pontón  

“O acoso laboral é desigualdade, é violencia. Erradiquémolo” é o lema co que o BNG conmemora este ano o 8 de Marzo, de Día da Muller. A forza nacionalista sitúa como protagonistas desta xornada de loita as mulleres que sufriron acoso laboral “e tiveron a coraxe de denunciar e defender os seus dereitos”.


As mulleres que se atreveron a denunciar o acoso laboral que sufriron protagonizan a campaña do BNG con motivo do 8 de Marzo, unha campaña que presentaron Ana Pontón, portavoz nacional da formación frontista, e Noa Presas, deputada, con Nélida Pisco e Maribel Coto. Ambas as dúas traballadoras denunciaron a indefensión na que se ven por parte das empresas e dos poderes públicos.

Nélida e Maribel animaron as mulleres que sofren acoso laboral a denunciaren “por ser a única maneira de mudar as cousas”. “O importante é loitar, porque recuperas a túa autoestima, porque cando loitas as cousas cambian aínda que non che dean a razón”, expresou Maribel na rolda de imprensa da presentación da campaña do BNG. Nélida, da súa banda, recoñecía non sentirse triste, mais si enfadada, “pero estou aquí polas miñas nenas, que son mulleres, e cando miro para elas digo, isto non pode ser así, por elas xa merece a pena loitar”.

Na súa intervención, Pontón puxo de manifesto a discriminación e a desigualdade laboral que padecen as mulleres, “coa crise medrou a desprotección das mulleres no ámbito laboral, agora máis vulnerábeis, e o Estado en vez de amparalas o que fixo foi aprobar normas que nos restan mecanismos para defender os nosos dereitos”, indicou. Tamén fixo alusión á fenda salarial tirando do informe 2016 do Fondo Mundial Económico, “ao ritmo actual precísanse 170 anos para acadar a igualdade económica entre homes e mulleres”.

Pontón propuxo que as administracións rescindan as contratacións con empresas que teñan condenas por acoso sexual e moral

O papel das administracións

Neste contexto, a portavoz nacional do BNG propuxo que as administracións rescindan as contratacións con empresas que teñan condenas por acoso sexual e moral e incluír nos pregos de contratación penalizacións e rescisión de contratos por causa de discriminación por xénero ou orientación sexual.

Tamén avogou por sancionar todas as empresas que vulneren a igualdade de xénero e por promover escolas infantís nas compañías de máis de 300 empregos para que nais e pais poidan deixar as crianzas. “Hai que ter en conta que Galiza é a segunda comunidade que máis denuncias acumula por vulneración da conciliación familiar, segundo o informe do Consello Xeral do Poder Xudicial”, explicou Pontón.

Asasinatos machistas

Ana Pontón tamén puxo o foco sobre os asasinatos de mulleres a causa do terrorismo machista, como “expresión extrema de desigualdade e de violencia”. Criticou a falta de implicación da Administración pública que non ve nestes crimes (16 en só dous meses) un problema de Estado. “Que pasaría se en lugar de 16 mulleres asasinasen a 16 deputados ou deputadas? Minutos de silencio?”, salientou.

Aliás, o BNG aproveitou a presentación da campaña do Día da Muller para reclamar un estudo de avaliación da Lei galega de igualdade, tras doce anos de funcionamento, e unha revisión dos protocolos de actuación e protección das mulleres que sofren acoso laboral.

Na próxima sesión de control no Parlamento, a portavoz nacional interpelará o presidente da Xunta polo incremento da desigualdade entre as mulleres.



x