O BNG considera a demanda para a devolución de Meirás “un triunfo colectivo” do pobo galego

O BNG considera a demanda para a devolución de Meirás “un triunfo colectivo” do pobo galego
 

Ana Pontón afima que a demanda é un paso importante mais non “definitivo” para poñer fin á impunidade do franquismo e avanzou que o Bloque continuará a traballar cara a ese obxectivo.


O BNG considera a demanda presentada pola Avogacía do Estado español para recuperar o Pazo de Meirás un froito do traballo “colectivo” desenvolvido ao longo destes anos por colectivos, entidades e institucións da Galiza. “Esta demanda é o resultado dun traballo colectivo, da presión social e institucional feita desde Galiza, é un éxito de todos os galegos e galegas que queremos que o Pazo de Meirás se devolva porque pensamos que é un acto de xustiza”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Para ela, a demanda “non existiría sen o traballo feito desde Galiza”. Ese paso é, remarcou, un éxito colectivo do pobo galego do que Ana Pontón quixo salientar recoñecementos concretos, como ao movemento de recuperación da memoria histórica, aos investigadores galegos que documentaron o espolio, -especialmente a Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo co libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio-, “documento clave para probar a simulación da venda  e para presentar a demanda”.

Igualmente, falou de recoñecemento expreso ao traballo de Goretti Sanmartín desde a Deputación da Coruña, impulsora da Xunta Pro-devolución do Pazo “que fixo o primeiro informe histórico-xurídico que acredito o roubo dando base legal para a demanda actual”. E unha mención tamén para as e os 19 de Meirás que, coa súa toma simbólica e pacífica do pazo en agosto de 2017, “internacionalizaron o conflito”, activistas sobre as que aínda pesa a ameza de 247 anos de cadea e medio millón de euros de multa, “un disparate”. Tampouco esqueceu Pontón o acordo unánime do Parlamento de hai un ano, do que se derivou un novo informe que tamén corroboraba o espolio do pazo.

“Esta demanda é un paso importante, pero non o definitivo, de cara a restituír a memoria das vítimas e poñer fin á impunidade do franquismo”, recalcou a nacionalista, lembrando que o espolio franquista abarca tamén as estatuas do Pórtico da Gloria e a Casa Cornide da Coruña.

En nome dos 19 de Meirás, Nestor Rego incidiu en que a demanda “é o resultado do traballo e dunha reivindicación colectiva” que confía en que sexa un paso real para contribuír a restituír a dignidade das vítimas do franquismo. Considera necesario seguir mantendo a presión social e institucional para acadar a devolución de todos os bens en mans franquistas.

Pola súa parte, Goretti Sanmartin lembrou o traballo desenvolvido desde a Deputación, cunha vicepresidencia que impulsou a Xunta pro devolución, autora do informe xurídico clave na presentación da demanda. Lamentou que o Executivo central tardase máis dun ano en dar o paso e destacou, pese a esa demora,  “hai razóns para parabenizarnos por chegar a este momento ao conxunto do pobo galego”.