BNG ve “inconcebíbel” que nun país excedentario en electricidade “estean en risco 400 empregos polo prezo da enerxía”

BNG ve “inconcebíbel” que nun país excedentario en electricidade “estean en risco 400 empregos polo prezo da enerxía”

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o candidato á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, mantiveron esta sexta feira unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa, ao que trasladaron o apoio total dos e das nacionalistas galegas. “Nin A Coruña, nin Galiza poden permitirse unha nova sangría no sector industrial, estamos falando de 400 postos de traballo, e non imos permitir que unha multinacional ou os intereses das eléctricas poñan en risco centos de empregos e o futuro do país”, salientou Pontón.

Pontón tamén dixo que a situación tiña solución se hai vontade política. “Depende da política que a factoría siga producindo e xerando emprego no país”, indicou, “por iso urxe que o Goberno da Xunta compareza no Parlamento para ter unha posición de país e mandarlle a mensaxe de que usaremos todos os mecanismos institucionais para evitar que peche”.

Pontón chamou a atención sobre o feito de que nun país exportador neto de electricidade podan perderse 400 postos de traballo polo custe enerxético. “É indignante que vivindo nunha Galiza que produce electricidade a esgalla teñamos a empresas en risco polo prezo da factura eléctrica e que iso se produza mentres vemos como Euskadi acaba de blindar a tarifa eléctrica vasca,  -euskopeaxe-, que lle permite as súas empresas aforrar 120 millóns de euros anuais e ser máis competitivas. Por iso é inconcibible que se siga vetando unha tarifa eléctrica galega que dea estabilidade a sectores estratéxicos”, argumentou.