O BNG critica a "actitude indiferente da Xunta" ante a venda do Centro Galego de Bos Aires

O BNG critica a "actitude indiferente da Xunta" ante a venda do Centro Galego de Bos Aires
Imaxe do Centro Galego de Bos Aires
Imaxe do Centro Galego de Bos Aires  

Esta sexta feira 7 de decembro, a formación nacionalista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias de cara a paralizar a súa venda e conseguir a súa preservación.

 


A emblemática institución conta no seu haber con patrimonio inmobiliario, artístico e cultural imprescindíbel para Galiza e a súa historia. Neste momento atópase nunha situación agónica, cunha débeda de máis de 1.700 millóns de pesos arxentinos, case 40 millóns de euros. A entidade está intervida polo goberno arxentino e en vías de extinción.

Gran parte da débeda vén do propio goberno, posto que moitos dos máis de 1.200 postos de traballo perdidos nos últimos anos foron declarados despidos improcedentes e o Centro suma innumerábeis indemnizacións.

É por iso, que tras a viaxe a Arxentina da portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, o BNG presenta unha proposición non de lei para evitar a súa catástrofe financeira.

A proposta pasa por contactar coas autoridades arxentinas para que deteñan a venda do hospital e garantan a atención médica de calidade dos actuais socios. O plan de viabilidade podería pasar por facer del un hospital público. Igualmente, pide a condonación das indemnizacións millonarias.

Á Xunta pídenlles que interveña da forma que sexa precisa para “preservar o patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial que posúe o CG promovendo un labor de inventariado e control do actual estado de todo este patrimonio”.

Por último solicitan tamén a declaración de Sitio Histórico da habitación 202 do Centro Galego, onde permaneceu ingresado e faleceu Castelao.



x