A NOVA LEI É “MALA, SEN AMBICIÓN, CUTRE”

O BNG cualifica o PP de “depredador” do patrimonio natural

O BNG cualifica o PP de “depredador” do patrimonio natural
O deputado do BNG Luís Bará, este 25 de xuño no Parlamento de Galiza. Foto: BNG.
O deputado do BNG Luís Bará, este 25 de xuño no Parlamento de Galiza. Foto: BNG.  

Os conservadores que non conservan nada. Así definiu o deputado nacionalista Luís Bará o Partido Popular no debate parlamentario sobre a proposta de Lei de Patrimonio Natural presentada pola dereita. “O Goberno de Feixoo non ten estratexia de protección do patrimonio natural e da biodiversidade”, afirmou Bará, “o que se plasma nunha proposta mala, cutre e sen ambición”.


Segundo os datos manexados polo BNG, Galiza “segue na cola en termos de protección de espazos naturais”. Refírese á Rede Natura, da que só fai parte un 12% do territorio, fronte ao 29% de Asturias ou ao 26% de Castela e León. “Paralizaron a súa ampliación para favorecer outros intereses como os eólicos ou os forestais”, sinalou.

Esta situación converte nun paradoxo a norma que o PP someteu ao pleno do Parlamento esta terza feira, 25 de xuño. “A conselleira de Medio Ambiente presentou un informe burocrático que mostra unha realidade idílica sobre un relato falso”, indicou o deputado do Bloque, “e que non contra cun gran consenso, ao contrario do que dixo. As entidades conservacionistas expresan a súa preocupación porque o proxecto é pouco ambicioso”.

Luís Bará criticou con dureza xa non o contido da proposición de lei, senón a acción da Xunta de Feixoo na materia. “Desertou do coidado do noso territorio. O PP é conservador, pero non conservacionista, senón depredador, e por iso ten como símbolo unha gaivota, un animal carroñeiro”, espetou. E colocou na discusión dúas imaxes: a dos bulldozers na praia de Barrañán e a plantación de eucaliptos no Pedregal de Irimia. “Así é como trata o PP os espazos icónicos da natureza galega”, opinou.

Metido xa na fariña do texto lexislativo, Luís Bará afeoulle ao PP que este esqueza a paisaxe, a parálise nos plans de conservación e recuperación de especies ameazadas, ou a obliteración da “abordaxe ampla e global da preservación da biodiversidade”. A falta de financiamento -“cutre memoria financeira”- é finalmente o “fiel reflexo da súa política en materia de conservación do patrimonio natural e da biodiversidade”: cinco millóns de euros dos 10.000 do Orzamento anual do Goberno galego.