O BNG defenderá en Madrid “os dereitos da clase traballadora”

O BNG defenderá en Madrid “os dereitos da clase traballadora”

Ana Pontón e Néstor Rego mantiveron un encontro con delegados e delegadas na CIG na Coruña perante os que se comprometeron a derrogar as reformas laborais e a lei mordaza.


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, mantiveron un encontro con delegados e delegadas da CIG da comarca coruñesa, unha xuntanza na que subliñaron a importancia do nacionalismo ter representación nas cortes para así defender “a clase traballadora galega”. O Bloque lembrou que a partir do 28 de abril “vanse tomar decisións que marcarán o futuro industrial da comarca da Coruña e de Galiza, e temos claro que un BNG decisivo é clave para que haxa solucións para os problemas que ten o desenvolvemento industrial do noso país e un BNG decisivo fará posible que haxa unha solución para lcoa”, salientou.

Solución que pasa, dixo Ana Pontón, por conseguir unha tarifa para as industria electrointensivas “que sexa estable e predicible no tempo e competitiva”,  tarifa da que tamén deben beneficiarse familias e empresas que agora soportan un “espolio enerxético”.

A portavoz nacional fixo fincapé en que os escanos nacionalistas servirán para defender os dereitos laborais da clase traballadora, despois de ver como nunha lexislatura sen maioría da dereita, “quedaron intactas as reformas laborais que están condenando á precarizando, salarios de miseria e coberturas sociais insuficientes”.

O candidato pola Coruña, Néstor Rego considera “fundamental que haxa unha voz propia en Madrid que leve ao Congreso a voz da maioría social do país”. Rego pediu o voto para o Bloque “para seguir avanzando en dereitos, por exemplo na redución de xornada laboral a 35 horas sen perda de salario, ou na subida do SMI e das pensións até o 60% do salario medio, que se situaría arredor de 1.150 euros”, citou a modo de exemplos porque, alegou, “non só hai que recuperar os dereitos perdidos senón que hai que seguir avanzando”.