O BNG demanda un debate público sobre o modelo sanitario

O BNG demanda un debate público sobre o modelo sanitario
vence_capa
vence_capa  

A organización frontista exixe a Feijóo que "dea a cara" nunha comparecencia parlamentar e denuncia "a estafa" que supón para a cidadanía o argumento do aforro do Partido Popular en materia sanitaria.


O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, instou ao presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, a comparecer en sesión parlamentar "de inmediato" para explicar a privatización "sibilina" que está a desenvolver o goberno galego na sanidade pública.

Segundo o líder da organización frontista, a aplicación en Galiza dos re-pagamentos farmacolóxicos e sanitarios aprobados desde Madrid rachan coa tendenza doutros territorios do Estado nos que se están a rexeitar estas medidas e evidencian o "empeño" do líder do executivo galego por "ser o campión da crueldade". 

Neste senso, para a organización frontista é preciso iniciar un "debate público" arredor do modelo sanitario á fin de medir o grao de apoio social co que contarían as medidas aprobadas pola Xunta de Galiza, co único apoio do Partido Popular. Para a fronte nacionalista a "estratexia" que están a seguir é "ir medida a medida" para que "cada árbore impida ver o bosque" polo que urxiu un debate social no que "se vexan as consecuencias da batería de medidas privatizadores adoptadas polo Goberno galego”.

A "estafa do aforro"

“O que pretende Feijóo é un auténtico cambio de modelo sanitario, desmontando peza a peza un sistema público de saúde de calidade e universal no que, até o de agora, todos somos iguais ante a adversidade da enfermidade sen que importe o nivel de renda”, indicou Vence.

Para o portavoz nacional do Bloque defendeu o presidente da Xunta debe "dar a cara" e explicar á cidadanía por que se está a producir un "cambio de modelo" sob o argumento do "aforro" pregoado polo Partido Popular. Unha redución do gasto público que para o BNG constitúe unha "estafa".

"Non é verdade que a sanidade privada supoña un aforro. EEUU é quen máis gasta en sanidade de todo o mundo, pero ten unha gran parte da súa poboación sen cobertura e xera pobreza sanitaria, porque ten apostado por un modelo privado", denunciou Vence. Así, urxiu a Feijóo a "ser quen explique" as medidas aprobadas porque, dixo, "a cidadanía ten dereito a saber cara onde imos".