O BNG dobra os votos de 2016 e Pontón celebra o “avance”

O BNG dobra os votos de 2016 e Pontón celebra o “avance”
Ana Pontón e a Executiva Nacional do BNG este 28 de abril. Foto: BNG:
Ana Pontón e a Executiva Nacional do BNG este 28 de abril. Foto: BNG:  

O BNG quedou ás portas de recuperar a representación no Congreso dos Deputados, pero dobrou os votos obtidos en 2016. Máis de 92.000 sufraxios servíronlle a Ana Pontón, portavoz nacional da organización, para celebrar a “remontada” e asegurar que nas inminentes elección municipais “verase o avance do nacionalismo”.


“O voto ao BNG ten un gran valor para o futuro do país”, indicou Pontón na comparecencia electoral deste 28 de abril, e prometeu que a formación nacionalista será “determinante” para “poñer fin a este decenio negro de Feixoo”.

“Nestas eleccións vimos un BNG máis forte, un proxecto común que avanza e que tende a man a todos os que levan Galiza na cabeza e no corazón”, estendeuse. Obter o dobre de votos “nun contexto de polarización, nada sinxelo, de debate presidencialista” amosa “a corrente de simpatía” cara ao BNG.

Ana Pontón falou ademais de “alivio e alegría” pola derrota do “bloque da dereita”, felicitou as forzas nacionalistas doutras nacións do Estado e comprometeuse a “seguir traballando con máis ganas e máis forza sabendo poñer por diante os intereses de Galiza”.