BNG e CIG: "mover o país" para erguer alternativas ás políticas do PP e a Troika

BNG e CIG: "mover o país" para erguer alternativas ás políticas do PP e a Troika

Delegacións do BNG e CIG mantiveron unha reunión para valorar a situación económica, social e laboral de Galiza, alén de debater e achegar alternativas e propostas. 


Representantes do BNG e da CIGmantiveron unha reunión conxunta para valorar a situación económica, social e laboral do país. O portavoz nacional da fronte, Xavier Vence, destacou a coincidencia “en boa medida” entre BNG e CIG do diagnóstico a respecto da “situación catastrófica cara a que imos camiñando”, tanto na dinámica do sistema produtivo, co peche de empresas continuado, e a falta dun sistema financeiro propio e comprometido co tecido empresarial e económico de Galiza.

“É necesario que o país reaccione e tanto desde o BNG como da CIG estamos plenamente de acordo en mover o país, mover á cidadanía en toda unha campaña de mobilizacións para reclamar outro tipo de políticas económicas, industriais e financeiras”, destacou Vence.

Fracaso das políticas neoliberais

“Desde o BNG cremos que despois de 5 anos de crise e do fracaso das políticas neoliberais importadas pola troika é necesario erguer alternativas”, subliñou Vence, quen destacou que desde o Bloque “estamos comprometidos co país a presentar alternativas concretas”. Neste sentido, Vence asegurou que as alternativas concretas do Bloque baséanse “nos nosos recursos, do noso aforro, construíndo un sistema financeiro propio, que consideramos que debería ser a banca pública galega”. Considerou que estes son elementos indispensables para frear o deterioro da economía produtiva e saír realmente da crise”.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, valorou positivamente a campaña do BNG en defensa dun sector financeiro galego que realmente responda aos intereses e a problemática de Galiza, así como o apoio ao tecido produtivo galego. “Perécenos fundamental no momento no que estamos”, apuntou ao respecto, en tanto que unha das grandes preocupación do sindicato nacionalista estriba precisamente na destrución do tecido produtivo e do emprego.