O BNG esixe coñecer todos os bens inmatriculados da Igrexa desde 1946

O BNG esixe coñecer todos os bens inmatriculados da Igrexa desde 1946
[Imaxe: José Antonio Gil] Refectorio do mosteiro de Oseira
[Imaxe: José Antonio Gil] Refectorio do mosteiro de Oseira  

Atendendo á posibilidade de que fosen rexistrados de maneira ilegal templos dedicados ao culto, o BNG vén de presentar no Parlamento galego, a través do deputado Luís Bará, unha batería de iniciativas para coñecer a listaxe de “bens inmatriculados pola Igrexa católica entre 1946 e 1998”.


A Igrexa católica goza desde 1946 dun privilexio franquista que lle permitiu inscribir milleiros de bens sen ter que acreditar a súa propiedade. Isto foi posíbel porque a lei hipotecaria e o regulamento permitiron que os representantes eclesiásticos actuasen como fedatarios públicos. Así o explica o deputado do BNG Luís Bará en relación a unha batería de iniciativas que presentou no Parlamento galego para coñecer todos os bens inmatriculados da Igrexa desde ese ano.

A citada lei impedía inscribir templos dedicados ao culto por seren considerados bens de dominio público. Porén, advirte Bará, “nos anos 80 e 90 moitos deses bens foron inmatriculados, inscritos por primeira vez no Rexistro da Propiedade a nome da Igrexa”.

Ampliación do privilexio

Nas iniciativas presentadas no Parlamento, o BNG expón que en 1998, o Goberno do PP ampliou o “privilexio franquista” cunha modificación da lei hipotecaria. Desta vez si que se permitía inscribir lugares de culto. A consecuencia, alerta o BNG, foi a inscrición de “máis de 30.000 bens a nome da Igrexa católica, algúns deles bens privados, outros propiedade das administracións e outros de dominio público”.

Non foi até 2017 cando o Congreso aprobou unha proposición non de lei para lle pedir ao Goberno español un informe con todas as inmatriculacións realizadas entre 1998 e 2015. Madrid conta con esa listaxe mais non a fixo pública, co cal, impide abrir vías legais para as anular.

Anulación das inmatriculacións

Neste contexto, o BNG propón a creación dunha oficina de información e asesoramento para as entidades que reclamen os bens e estudar vías legais “para reclamar a anulación das inmatriculacións de bens de dominio público e sen documento acreditativo a propiedade”. Para poder facelo, o BNG esixe a publicación da listaxe e que se amplíe a investigación a 1946 e anos posteriores.

Bara alude nas iniciativas á sentenza do Tribunal de Estrasburgo de 2016 que cualifica de “arbitrario” o dereito de inmatriculación da Igrexa e que considera que viola o dereito de propiedade.

O deputado nacionalista denuncia a “conivencia de PP e PSOE para protexer estes privilexios e abusos, impropios dun Estado aconfesional”.