O BNG esixe para Galiza as competencias sobre a rede ferroviaria

O BNG esixe para Galiza as competencias sobre a rede ferroviaria
O candidato do BNG ao Congreso Néstor Rego (en primeira fila, no centro) nun acto a prol da mellora ferroviaria con outras dirixentes e militantes da organización. Foto: BNG.
O candidato do BNG ao Congreso Néstor Rego (en primeira fila, no centro) nun acto a prol da mellora ferroviaria con outras dirixentes e militantes da organización. Foto: BNG.  
As eternas deficiencias do tren na Galiza só comezarán a superarse cando o Goberno galego reclame as competencias sobre a rede ferroviaria. Esta foi a principal idea da intervención do candidato do BNG ao Congreso pola Coruña Néstor Rego este 13 de outubro na estación de Compostela.

A maiores, Rego esixiu “a mellora da rede interior no conxunto do territorio galego, claramente deficitaria”, e mencionou en concreto as liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo. “O BNG proporá que sexan transferidas todas as infraestruturas de comunicación ao noso país, portos, aeroportos, estradas e camiños de ferro, porque é unha premisa para a mellora do servizo”, argumentou.

As evidentes carencias do tren galego e da súa conexión co exterior fan “urxente a modernización e ampliación de infraestruturas necesarias para a mobilidade da poboación e as mercadorías”. O candidato nacionalista conectou ademais estas reivindicacións co desenvolvemento sustentábel e coas “solucións aos grandes problemas de comunicación do ámbito urbano”.

O Bloque tamén quere novos trazados de camiños de ferro, como o Lugo-Santiago, “para o que abondaría executar o tramo que conecta Ordes con Curtis, apenas 40 quilómetros de vía”. E mais a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, “necesaria para garantir a súa operatividade”. Tampouco esqueceu Néstor Rego a alta velocidade, e prometeu que a súa formación “continuará demandanado o remate das actuacións do AVE á Galiza e no Eixo Atlántico”.

O candidato rematou cun resumo das vantaxes que, ao seu xuízo, tería a transferencia de competencias na materia: “Vai facilitar que se poña en marcha un servizo propio, galego, que posibilitará a mellora dos transportes interiores e dos servizos de proximidade nas áreas metropolitanas”. Finalmente volveu avogar por “unha comisión independente de investigación e depuración de responsabilidades políticas para facer xustiza coas vítimas do Alvia e para que nunca máis se repita unha situación como esta”.