REUNIÓN DA EXECUTIVA NACIONALISTA

Propostas de emprego e axenda galega ante o Estado, prioridades do BNG perante o novo curso

Propostas de emprego e axenda galega ante o Estado, prioridades do BNG perante o novo curso
Un aspecto da reunión da Executiva neste comezo do curso político
Un aspecto da reunión da Executiva neste comezo do curso político  

O proxecto Feixóo en materia de economía e emprego está falido e debe ser reemprazado canto antes. Galiza con el non ten o menor peso político no estado. Formular alternativas á vez neses dous frentes é o propósito que anima o BNG perante o comezo do novo curso político. Así o relatou esta segunda feira Ana Pontón após unha reunión extraordinarida da Executiva Nacional da formación frentista.


Cada día máis diverxentes da media estatal en materia de emprego e cada día máis irrelevantes no conxunto do estado, precisamente nunha conxuntura crucial co debate do financiamento (dos recursos económicos que cada territorio vai ter) aínda pendente. Así ve a realidade presente de Galiza o BNG. E por iso o Bloque —explicou Ana Pontón— deseña liñas de traballo específicas dirixidas a eses dous vectores perante o comezo do novo curso político. Hai unha terceira materia que preocupa, e moito, á organización nacionalista: a incapacidade do Goberno Feixóo para dar unha resposta eficaz ao terrorismo machista. "Un dos retos políticos que afronta o BNG neste novo curso político é irmos dando pasos decididos cara unha sociedade verdadeiramente igualitaria, desde a defensa dos dereitos das mulleres", dixo a líder soberanista. E para pasar da retórica ás propostas concretas, Pontón deitou esta: que nos próximos orzamentos da Xunta se destine no minimo 1 por cento das partidas a dotar de recursos "un plano real contra a violencia de xénero".

Destarte, tres son as liñas de traballo básicas do BNG para os próximos meses: formular propostas para mellorar a situación económica e laboral, apresentar alternativas a favor das políticas de igualdade e deseñar unha "axenda galega" a negociar bilateralmente co estado.

Economía e emprego

Pontón expresou a preocupación que sente o BNG perante a deterioración do mercado laboral na Galiza. "Levamos cinco anos a perder poboación activa e a sofrer un proceso de emigración xuvenil moi forte", afirmou, ao tempo que denunciou que "o diferencial co estado español é cada vez maior". "Desde 2013 o emprego medrou no estado case o dobre do que na Galiza. Continuamos á cola da criación de emprego, que aínda non recuperou os níveis previos á crise", acrecentou.

Pontón propón que nos próximos orzamentos da Xunta se destine no mínimo 1 por cento das partidas a dotar de recursos "un plano real contra a violencia de xénero"

Estes datos espellan o que cualificou de "fracaso da política económica de Feixóo", a quen Pontón ve como "incapaz de pór en marcha políticas propias que xeren emprego de calidade e freen a emigración".

Ante esta ausencia de políticas alternativas ás experimentadas até o de agora polo Goberno Feixóo, o BNG disponse a apresentar nas próximas semanas unha "bateria de propostas en materia económica e social" que son, esclareceu, "froito do debate" no seo da organización nacionalista, mais tamén do contraste "con distintos colectivos sociais".

FOTO ANA PONTÓN EXECUTIVA NACIONAL BNG  (2)

Sen revelar nengunha proposta en concreto, Pontón si advogou por apostar na innovación e por incrementar substancialmente o protagonismo do sector público na dinamización da economía galega, pondo, alén de máis, o acento en "políticas de igualdade" e no fortalecimento dos servizos públicos. A clave de bóveda do xiro de 180 graos ás actuais políticas da Xunta que o BNG preconiza pasa por avanzar no autogoberno, única vía para, segundo as nacionalistas, camiñar cara á mudanza do falido proxecto Feixóo.

Pór Galiza no mapa político

A outra grande prioridade do BNG é a de Galiza marcar perfil propio no Estado. Para a formación nacionalista, o país está na irrelevancia á que o conducen unhas forzas políticas estatais "que pasan olimpicamente" dos intereses galegos.

"Os vascos conseguiron unha tarifa eléctrica propia que lles permite aforrar 50 millóns de euros ao ano. A Galiza, en troca, impóñenlle un tarifazo eléctrico", denunciou. E mentres Valencia consegue "financiamento extra", a Xunta non é quen nen de que Madrid lle liquide o que lle debe, por volta de 180 millóns de euros en materia de dependencia.

Perante a inacción de Feixóo o que propón o BNG é unha axenda galega que se sustente nestes esteos: a transferencia da AP-9, a derrogación da prórroga de ENCE, a Tarifa Eléctrica Galega, a conclusión do AVE e a mellora da rede ferroviaria interna, o pagamento da débeda en materia de dependencia, a criación de xulgados de violencia de xénero en todas as cidades galegas e unha relación bilateral entre Galiza e o Estado para negociar o financiamento.

As europeas e as municipais

A Executiva Nacional non só avaliou a situación política e económica do país: tamén lle tomou o pulso a como está a lidar a organización coa preparación dos próximos compromisos eleitorais, coas europeas e as municipais de 2019 a se debuxaren xa no horizonte.

Nese sentido, Pontón comprometeu prazos: as candidaturas das cidades estarán prontas en setembro —só fica por determinar quen encabezará a lista de Vigo— e no resto do país, antes da conclusión deste 2018. A líder do BNG dixo ver con optimismo os futuros combates electorais porque, argumentou, "contamos cunha organización sólida e solvente, un proxecto coherente de país e co aval dos gobernos sólidos e de éxito dos concellos nacionalistas". Canto a Europa, louvou o traballo desenvolvido por Ana Miranda.

Nota: as fotos foron fornecidas polo gabinete de imprensa do BNG.