O BNG leva ao Parlamento a condena ao golpe en Bolivia

O BNG leva ao Parlamento a condena ao golpe en Bolivia

Presenta unha proposta de resolución para debate no pleno.


O BNG presenta unha proposta de resolución no Parlamento da Galiza para que se debate en pleno. Proposta na que insta a Cámara a que acorde unha resolución na que “condene o golpe de estado contra o Goberno lexítimo” de Bolivia.

O grupo parlamentar nacionalista tamén pide que o Pleno condene “a brutal represión desatada polo goberno golpista e polas forzas militares, paramilitares e policiais contra o pobo boliviano, unha represión que ten fortes tintes clasistas e racistas e que xa provocou a morte de ducias de persoas”, así como “demandar do goberno español e da UE que tomen unha posición activa de condena do golpe militar e que non recoñezan o ilexítimo goberno presidido por Jeanine Añez”.

Igualmente, demandan da Cámara galega que apoie “as apelacións a unha solución pacífica e democrática para Bolivia, garantindo a soberanía do país e o respecto aos dereitos humanos e facer un chamamento á sociedade galega para que manifeste a condena do golpe militar e repulsa pola grave violación dos dereitos humanos”.