O BNG pedirá explicacións pola falta de medidas anticontaminación na ría de Ares

O BNG pedirá explicacións pola falta de medidas anticontaminación na ría de Ares
Néstor Rego e Xosé Luis Rivas no lugar do accidente marítimo do Blue Star (BNG)
Néstor Rego e Xosé Luis Rivas no lugar do accidente marítimo do Blue Star (BNG)  
Os deputados do BNG Néstor Rego e Xosé Luis Rivas "Mini" compareceron diante dos medios de comunicación este mesmo sábado para exixir máis competencias en temas marítimos e informar de que pedirán explicacións sobre como se xestionou o accidente do quimiqueiro 'Blue Star'.

Fronte ás illas Miranda e a poucos metros do lugar onde embarrancou o buque, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apuntou primeiro o desexo “de que se resolva a manobra de rescate do quimiqueiro e de toda a súa tripulación que aínda continúa no barco”.

Rego sinalou que ao BNG lle parece “incríbel que a estas alturas, dezasete anos após do accidente do Prestige, haxa accidentes sen que teñamos os medios axeitados para poder prevelos e poder evitalos”.

Por este motivo asegurou que o BNG no Congreso e no Parlamento da Galiza vai pedir información sobre todo o que aconteceu. “Cando se recibiu a primeira chamada de alerta e cales foron os medios que se puxeron para evitar que o barco acabase encallando”.

Competencias marítimas para Galiza

 

O deputado do BNG explicou que “é hora xa de que Galiza asuma plenamente as competencias sobre a nosa costa e polo tanto tamén sobre o tráfico marítimo e salvamento marítimo”. Afirmou que “non deixa de ser sorprendente que o Centro de Control de Salvamento Marítimo estea en Madrid” cando “ninguén mellor que as galegas e galegos coñecemos a nosa costa e coñecemos as medidas que hai que adoptar”.

Para o deputado nacionalista “con este sistema ademais da falta de coñecemento estamos perdendo un tempo que nestes casos é precioso para resolver adecuadamente estas situacións”.

Rego reivindicou uns medios públicos de salvamento marítimo asegurando que “un accidente marítimo non pode ser un negocio, ten que ser unha prioridade pública”.

A ría de Ares

 

O deputado do BNG denunciou que “no ano 2014 o Goberno español decidiu que esta ría de Ares pasase a ser área de servizo dos portos da Coruña e de Ferrol e polo tanto a área de fondeo de buques” mais “sen que houbese ningún medio dispoñíbel para que esa función non tivera consecuencias negativas e será o primeiro que haberá que mudar”.

Néstor Rego amosou a súa preocupación de que horas despois do accidente “non haxa barreiras de contención colocadas fronte a posíbel contaminación, con independencia de que o barco fose baleiro, hai toneladas de combustíbel a bordo que non foron tampouco sacadas”. O deputado nacionalista non entende esta situación “cando a cinco quilómetros de aquí hai un Centro Loxístico anticontaminación”. O BNG pedirá explicacións ás autoridades da razón pola que non se adoptaron estas medidas.