Piden anular o proceso de selección do novo director do CGAC

Piden anular o proceso de selección do novo director do CGAC
Ana Pontón [Imaxe BNG]
Ana Pontón [Imaxe BNG]  

O BNG reclama cunha Proposición non de lei iniciar de novo a escolla de maneira "limpa e transparente". 


A organización frontista presentou através da portavoz de Cultura, Ana Pontón, unha iniciativa na que insta o goberno galego e, no concreto, a Consellaría de Cultura a "enderezar" o camiño na xestión do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) após a demisión da integrante do Padroado, Marisa Sobrino. 

Sobrino, como avanzou Sermos Galiza, abandonou o órgao poucos días despois de se coñecer o nome do que será seu novo director, Santiago Olmo e sen que se respostasen as alegacións presentadas polos dous finalistas galegos ao proceso de selección. Na súa dura despedida, publicada no seu Facebook persoal, a profesora e investigadora na historia da arte galega, non dubidou en verter duras acusacións sobre o deterioro do centro e o abandono e control por parte da administración. 

Desde o Bloque aseguran que a saída de Marisa Sobrino responde á "situación anómala" que atinxe o CGAC e á política cultural do Partido Popular reducida, denunciou Pontón, a “seguir dilapidando fondos na Cidade da Cultura”, proxecto, que ao seu entender, “non ten impacto positivo no panorama cultural galego”. 

Asemade, a parlamentar nacionalista calificou de "opaca" e "sen rigor" a xestión cultural da Xunta sinalando que a escolla do novo director do CGAC “non é unha convocatoria limpa e está feita a medida dun nome”.

Neste senso, exixen a convocatoria dun novo concurso suxeito á lexislación vixente.