BNG pide a Feixoo que “dimita” se non é quen de “solucionar os problemas do país”

BNG pide a Feixoo que “dimita” se non é quen de “solucionar os problemas do país”

A portavoz nacional, Ana Pontón e o cabeza de lista da candidatura nacionalista pola Coruña, Néstor Rego, reuníronse con representantes dos e das traballadoras de R e das súas auxiliares.


A portavoz nacional, Ana Pontón,  e o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, así como o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, mantiveron un encontro con representantes dos e das traballadoras de R e das súas auxiliares, que sofren “un proceso de deslocalización puro e duro, coa fuga de postos de traballo desde Galiza a Asturias e Euskadi”, denunciou a líder nacionalista.

R, sinala o BNG, súmase a unha lista de empresas afectadas por unha crise do sector industrial que ten en xogo “máis de 6.000 empregos directos”. “Non podemos seguir vendo como Galiza se desangra por unha crise industrial mentres  temos un presidente que nos di que está preocupado, o que ten que facer é ocuparse e exercer como presidente ou dimitir, porque senón sirve para solucionar os problemas da Galiza está claro que non pode seguir nin un momento máis á fronte deste país”, dixo Pontón.

A líder nacionalista reclama do xefe de Executivo que actúe exercendo as súas competencias en vez dese limitar “a laiarse”. “Ten que tomar cartas no asunto”, dixo, tras lembrar que R obtivo moitos recursos públicos, e considera ao xefe do Executivo galego “responsábel directo da situación porque non fixo nada nin cando se vendeu a empresa a un fondo de Luxemburgo, nin cando se vendeu a Euskatel nin agora coa deslocalización.”.

Están en xogo mil postos de traballo na Coruña, remarcan as nacionalistas. Pontón propón ao Goberno galego “presionar á empresa para evitar a deslocalización, un plan de choque fronte a crise industrial, apostar por unha tarifa eléctrica galega, polo feche de ciclos produtivos, habilitar un fondo específico para evitar deslocalizacións e apostar por poñer o país a producir”, enumerou.

Pola súa banda, Néstor Rego cualificou de “inadmisíbel a pasividade da Xunta porque ten competencias en materia de política económica e industrial que non está exercendo”. Aliás, o candidato do BNG pola Coruña lembrou que esta empresa gozou de amplas axudas públicas e,  tamén que a propia Xunta é cliente de R. “Con todos estes elementos ten moitísima capacidade de presión para defender os postos de traballo no país e non o está facendo”, denunciou.