BNG pide prorrogar os contratos das investigadoras afectadas polo retraso nas convocatorias

BNG pide prorrogar os contratos das investigadoras afectadas polo retraso nas convocatorias

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a viceportavoz parlamentaria Olalla Rodil, mantiveron un encontro cunha representación dese colectivo de investigadoras.A Xunta anunciou esta segunda feira que financiará até outubro eses contratos.


O BNG reuniuse esta segunda feira cunha representación das 34 investigadoras condenadas a ir ao paro polo retraso da Xunta na convocatoria para concorrer á renovación da bolsas que neste momento lles permiten facer o seu labor investigador nalgunha das universidades galegas. A portavoz nacional, Ana Pontón,  apoia a medida que reclaman as persoas afectadas de prorrogar a súa situación laboral cun contrato ponte ate a resolución da convocatoria, unha alternativa que só require “vontade política” e que xa se ten posto en práctica en situacións similares.

Para  Pontón, este caso pon de manifesto “a precariedade na que traballa o persoal investigador e, por outro lado, a falta de visión estratéxica do Goberno de Feixóo sobre o que significa a ciencia e a investigación para un país”. Hai, ademais, unha segunda cuestión neste caso que o Bloque considera moi grave e para o que pide a adopción de medidas urxentes: a discriminación que sofren as mulleres investigadores cando collen baixas por maternidade, tamén nos casos de baixas por paternidade, que son penalizadas nas condicións de acceso a bolsas e na promoción profesional.

A Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional anunciou esta segunda feira que financiará até o 15 de outubro os contratos de 34 investigadores postdoctorais da promoción 2016.