BNG pide voz (e solucións) para a Galiza precarizada

BNG pide voz (e solucións) para a Galiza precarizada

 “Imos defender Galiza e unha axenda social”, afirma Ana Pontón. Néstor Rego afirma que defenderá no Congreso a derrogación das contrarreformas laborais, subir as pensións mínimas até o SMI, e un plan retorna da mocidade.


Un bar na rúa do Home Santo, no compostelán barrio de San Pedro, foi o escenario para que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, partillasen café, conversa e propostas con diferentes veciños e veciñas. Desde Lorena que encadea contratos en precario, ás baixas pensións de María e Manolo, xubilado do campo; mozos como Anxo que non atopa traballo relacionado coa súa formación ou os investigadores Adrián e Manuel que non ven máis saídas que emigrar ou renunciar á investigación.

“Quixemos conversar con todos eles porque son o retrato da Galiza real, esa que non está na axenda das forzas políticas estatais que nos demostran cada día que non teñen alternativa de futuro para este país ”, salientou Pontón. A portavoz nacionalista avanzou que o BNG no Congreso defenderá a derrogación das contrarreformas laborais que precarizan e medidas que garantan unha rede de seguridade social como unha renda mínima vital, a equiparación das pensións mínimas ao SMI, baixar a idade de xubilación os 65 e computar para a prestación os 15 mellores anos da vida laboral.

O candidato Nestor Rego denunciou “a situación preocupante” como consecuencia dun modelo que limita o crecemento económico do país e como consecuencia de todos os recortes sociais dos últimos anos: “cada vez temos máis temporalidade e precariedade e moita xente acaba marchando fora do país”.

Por iso, salientou, urxe poñer en marcha medidas que aporten solucións como un plan retorna de xente moza cos investimentos necesarios, “que permita traer de volta á mocidade emigrada con todo o seu talento, en particular na área de investigación”.

Tamén avogou por un plan contra a exclusión social e a pobreza e insistiu nas medidas do BNG como equiparar pensións mínimas co SMI, -Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado-, é un incremento progresivo do salario mínimo interprofesional até acadar un 60% do salario medio. “Medidas que permitirían mellorar as condicións de vida das persoas que agora sofren coa precariedade”, concluíu.