EXECUTIVA NACIONAL

O BNG pon en valor os seus resultados e avaliará os pactos caso a caso

O BNG pon en valor os seus resultados e avaliará os pactos caso a caso
Reunión da executiva do BNG após o 26M
Reunión da executiva do BNG após o 26M  

A executiva nacional do BNG pon en valor o seu avance social cos resultados obtidos nas urnas e, en canto aos pactos, anuncia que se avaliará “caso a caso” e que a militancia a través das asembleas locais será clave na toma das decisións. Así mesmo, o Bloque comprométese a evitar gobernos de dereita e a levar a cabo políticas transformadoras.


A executiva nacional do BNG reuniuse nesta cuarta feira para tratar o escenario aberto tras as eleccións do 26 de maio: Nun comunicado feito público pola fronte nacionalista, afírmase o avance social do BNG expresado nas urnas e que consolida o Bloque como terceira forza política no ámbito municipal. Póñense en valor uns resultados que lle dan “unha sólida implantación territorial con representación en todas as corporacións das grandes cidades galegas e coa alcaldía de Pontevedra”, cita o comunicado da executiva.

Para o Bloque, o seu incremento á alza trasládase tamén aos resultados das eleccións europeas, nas que duplicou o número de apoios e que tamén situou o BNG como terceira forza política en Galiza.

Calquera acordo formularase en base a criterios programáticos que permitan dar á veciñanza gobernos transformadores

En canto o escenario postelectoral, considera que a situación quedou aberta en moitos concellos e deputacións e engaden que van traballar para evitar gobernos da dereita. Comprométense por tanto desde o BNG a abrir un espazo de diálogo para evitar gobernos conservadores “e poder levar a cabo políticas realmente transformadoras”, afirman.

Poñen en valor uns resultados que lle dan “unha sólida implantación territorial"

Sobre os pactos, salientan que avaliarán “caso a caso” e que a militancia a través das asembleas locais será clave na toma das decisións. En todo caso, indican que calquera acordo formularase en base a criterios programáticos que permitan “dar á veciñanza gobernos transformadores, en clave de país, que aposten por un modelo municipal no que se teñan en conta cuestións como a mobilidade, a sustentabilidade, as políticas sociais e de igualdade, a defensa da economía local e de proximidade ou o apoio a lingua e a cultura do país”. Ademais, o BNG reivindícase como unha forza política cun programa “xenuíno, non homologábel ás forzas de ámbito estatal”, polo que anuncian que traballarán desde os concellos, tanto na oposición coma no goberno, “para facer avanzar o proxecto de país que temos para Galiza e que, tamén se constrúe cun avance do BNG nas vilas e cidades”.

O órgano executivo da fronte nacionalista trasladou ademais o seu recoñecemento a toda a militancia e simpatizantes

Sobre as deputacións, desde o Bloque avogan por realizar unha reflexión “demorada” sobre o seu papel nestas institucións e “facer unha avaliación do resultados dos pactos de cogoberno destes catro anos”. Con todo, resaltan que calquera acordo estará guiado polo criterio de baleirado competencial destas institucións, “un horizonte no que hai que camiñar”, afirman, así como pola eliminación de calquera “amiguismo e caciquismo, garantido o seu funcionamento democrático e o trato igualitario a todos os concellos”.

O órgano executivo da fronte nacionalista trasladou ademais o seu recoñecemento a toda a militancia e simpatizantes, candidatos e candidatas polo seu traballo. “O mellor do BNG é unha militancia activa, que actúa con xenerosidade e cun único interese: fortalecer a presenza do nacionalismo galego para ofrecer un horizonte de esperanza para este país”, conclúe o comunicado.