O BNG postúlase como o polo nacionalista cara ás galegas de 2020

O BNG postúlase como o polo nacionalista cara ás galegas de 2020
[Imaxe: BNG] Presentación do acordo entre o BNG e CxG esta segunda feira.
[Imaxe: BNG] Presentación do acordo entre o BNG e CxG esta segunda feira.  
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de CxG, asinaron esta segunda feira en Compostela o acordo político en base ao cal catro membros de Compromiso farán parte das listas do Bloque nas estatais do próximo 10 de novembro. “Do outro lado só hai división e fragmentación”, di Pontón tras as renuncias de En Marea e Anova.

“Temos diferenzas ideolóxicas, por suposto, pero esta é unha ocasión na que o que importa é contribuír a unha candidatura do país, da patria”, dixo Juan Carlos Piñeiro na presentación do acordo político nun hotel na zona vella compostelá mentres Ana Pontón asentía e matizaba: “A única candidatura galega”. Unha aposta táctica do BNG que acolle membros de CxG nas súas listas -un posto en cada unha das catro circunscricións- que se limita ás eleccións xerais do 10-N, “unidade de acción hoxe, e xa se verá no futuro”, di Piñeiro.

Mais alá do simbolismo e da apertura cara a outros espazos ideolóxicos do galeguismo, o que trata de evidenciar o BNG neste acordo é que o Bloque volve ser o polo ao redor do que vai xirar o nacionalismo nos próximos meses até as galegas de 2020.

Pontón non quixo valorar as propostas doutras forzas, mais insistiu en que o BNG “ten as portas abertas e as mans tendidas” a outros apoios como o que vén de formalizar con CxG. 

“Queremos existir politicamente no Estado, existir como nación”, insistiu a líder nacionalista. “Só unha voz como a nosa, centrada no país, coas mans libres de ataduras estatais, pode defender Galiza e os intereses das galegas e dos galegos. Do outro lado, xa vemos que só hai división e fragmentación”. Mentres, o deputado Pancho Casal afirmaba esta segunda feira nunha rolda de prensa que En Marea pedirá o voto para aquelas “que defendan unha axenda galega de verdade”.

Ademais de membros de CxG, o BNG avanza que “persoas procedentes do activismo independentista” tamén se integrarán como independentes nas listas. É o caso, segundo puido saber Sermos Galiza, de Bruno Lopes Teixeiro.

Este é o texto do acordo asinado polo BNG e CxG con vistas ás eleccións do próximo 10 de novembro:

BNG CxG (1)«Sen obviar as lexítimas diferenzas ideolóxico-políticas de dous proxectos políticos tamén distintos, Bloque Nacionalista Galego e Compromiso por Galicia concordan na necesidade de a Galiza posuír voz propia, soberana, nas Cortes do Estado, desde a convicción de seren as forzas políticas galegas, non subordinadas a ningunha outra de ámbito estatal, quen de defenderen con liberdade e garantías os intereses, dereitos, propostas e aspiracións do pobo galego. Así, Compromiso por Galicia participa nas candidaturas do BNG para as vindeiras eleccións xerais do 10 de novembro, como Candidatura de País, como oportunidade para verificar este obxectivo, e desde a asunción dos seguintes principios:

1.    Galiza é unha nación e ten dereito á autodeterminación.
2.    Mentres se manteña o actual marco institucional, demanda dun avance que implique máis capacidade de decisión desde o goberno e administración galegas: concerto económico e Facenda Galega, e transferencias competenciais.
3.    Defensa da lingua galega. Restauración de usos sociais e completa normalización do galego.
4.    Defensa do emprego digno na Terra e do avance nos dereitos laborais. Pensións dignas e sistema público garantido.
5.    Banca Pública Galega ao servizo do desenvolvemento económico do país.
6.    Reactivación da economía galega e da súa capacidade produtiva. Recursos naturais ao servizo do pobo galego. Tarifa eléctrica galega e promoción das enerxías renovábeis.
7.    Políticas feministas para avanzar nos dereitos das mulleres, no camiño da igualdade real.
8.    Servizos públicos de calidade.
9.    Defensa do medio ambiente
10.    Democracia, dereitos e liberdades. Derrogación do marco legal regresivo, e garantías no exercicio e dereitos democráticos. Recuperación dos bens espoliados polo franquismo.
»