O BNG preséntanse en Pontevedra como “único garante dunha axenda social”

O BNG preséntanse en Pontevedra como “único garante dunha axenda social”
Mítin do BNG en Pontevedra [Imaxe: BNG]
Mítin do BNG en Pontevedra [Imaxe: BNG]  
A candidata pola circunscrición de Pontevedra, Carmen da Silva, chamou á cidadanía a votar "para levar a voz de Pontevedra ao Congreso, que até agora estivo muda". No acto, celebrado este domingo, a voceira nacional, Ana Pontón, pediu o apoio a Da Silva para botar "ENCE fóra da ría".

Este domingo o BNG celebrou un acto en Pontevedra, no que participaron a candidata pola circunscrición pontevedresa, Carmen da Silva, a voceira nacional do partido, Ana Pontón, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández-Lores, e a concelleira nacionalista Anabel Gulías.

Pontón chamou a mobilizarse para chegar as persoas “desencantadas” coa “inutilidade das forzas estatais que persistiron na discriminación da Galiza e que tampouco serviron para recuperar dereitos ou liberdades”. Recalcou que as reformas laborais ou a Lei Mordaza continúan vixentes na actualidade. “Pídolles a todas as persoas decepcionadas e cabreadas porque aí seguen que se rebelen nas urnas votando BNG, que é garantía de defensa de Galiza e dunha axenda social, de dereitos e liberdades”, afirmou.

En relación ás enquisas que outorgan un escano ao BNG, como a deste domingo publicada por Sondaxe, Pontón chamou a “intensificar” a campaña de rúa. “Os escanos gáñanse nas urnas, non nas enquisas, non demos nada por feito, necesitamos movernos e falar con todo o mundo porque nós non estamos nos platós de televisión”, lembrou.

Pontón puxo a cidade do Lérez como exemplo de xestión do BNG e, con ese aval, solicitou o voto para a candidatura que lidera Carmen da Silva. “Queremos que estea no Congreso para poñer fin ao silencio destes anos e a esa inmoral prórroga de ENCE, facendo realidade unha das máis sentidas demandas da cidade: o traslado de ENCE fóra da ría”.

Da Silva tamén sinalou a pasteira durante a súa intervención: “O noso compromiso é traballar coa mesma ilusión e intensidade no Congreso, levando alí a voz de Pontevedra, que até agora estivo muda, e cos seus proxectos pendentes metidos en caixóns polas forzas políticas madrileñas. O vindeiro 10-N o país ten que gañar, Galiza ten que estar”.