A DIRECCIÓN TRASLADA UNHA PROPOSTA ÁS ASEMBLEAS COMARCAIS

O BNG propón unha alianza das tres nacións sen estado para o Europarlamento

O BNG propón unha alianza das tres nacións sen estado para o Europarlamento
A eurodeputada do BNG Ana Miranda
A eurodeputada do BNG Ana Miranda  

En 2014 o BNG concorreu con EH Bildu ás eleccións ao Parlamento europeo sob o lema de Os pobos de Europa. Daquela non callara a alianza con forzas soberanistas catalás. O Bloque quer agora corrixir esa eiva e formula como proposta unha entente trilateral. A Executiva da formación nacionalista submete esta iniciativa ao debate das asembleas comarcais.


Unha coalición electoral con forzas soberanistas das tres nacións sen estado —Galiza, Euskadi e Catalunya—. Esa é a proposta que a Executiva Nacional do BNG traslada ás asembleas comarcais da organización frentista, para fixar a fórmula de concorrencia ás eleccións europeas, axendadas para o 26 de maio.

A proposta de resolución que se submeterá á consideración das bases da formación soberanista ten tres peares. O primeiro, o de que o BNG vai impulsar unha coalición trilateral. O segundo, que a alianza terá un "carácter instrumental", o que significa que "o Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con [email protected] [email protected] en función exclusiva dos intereses de Galiza". O terceiro, que a entente ten de asumir como principios "a defensa de Galiza como nación", ben como o seu dereito a decidir e a "defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra".

A alianza tamén debería visar —entende a Executiva Nacional do BNG— combater "o modelo ultraliberal da Unión Europea" e defender no seu canto "a cooperación entre os pobos en pé de igualdade".

O BNG xa fixo movimentos sobre o taboleiro para que desta volta a entente trilateral sexa posíbel, a diferenza do que aconteceu en 2014. Así llo explicita o Bloque á súa militancia por medio dun escrito en que a dirección da formación nacionalista afirma que, por mandato do Consello Nacional, "leva meses mantendo unha interlocución continuada con organizacións soberanistas de Euskadi e Catalunya, co fin de promover unha actuación conxunta de cara ás vindeiras eleccións europeas".

No escrito, a dirección do Bloque salienta que a converxencia coas outras nacións sen estado responde a unha "aposta estratéxica" que o nacionalismo veu facendo desde hai case un século e que vai alén da pura conxuntura electoral. O BNG estima como positiva a fórmula de 2014 —o acordo con EH Bildu—, mais á vez entende que agora é o momento de darlle pulo a "unha alianza máis ampla, das tres nacións".



x