A FORMACIÓN NACIONALISTA CUALIFICA O ACORDO DE HISTÓRICO

BNG e PSOE acordan avanzar cara ao “adelgazamento” das deputacións

BNG e PSOE acordan avanzar cara ao “adelgazamento” das deputacións
deputacions
deputacions  

BNG e PSdG-PSOE veñen de asinar un acordo co que se inicia o camiño cara ao baleiramento de competencias das deputacións, un “adelgazamento” cara á súa desaparición final. O BNG mantén aspiracións de presidir a da Coruña. 


Como un acordo histórico presentou Xavier Vence o programa marco aprobado polo BNG máis o PSdG-PSOE que conducirá a unha progresiva redución de competencias das Deputacións de cara á eliminación final, obxectivo sostido desde sempre polo nacionalismo. 

O programa, segundo o voceiro nacional do BNG, supón un ataque “á liña de flotación da recentralización de competencias cara ás deputacións que impón o PP a través da reforma local” que entrará en vigor en 2016. Contra esa liña de actuación, apostan en inverter o proceso cun progresivo adelgazamento das deputacións, no camiño de consolidar e aumentar as competencias dos concellos. 

Calendario de transferencia

Adelgazamento das deputacións, democratización do seu funcionamento e xestión de recursos fóra dos clientelismos son os tres eixos do programa marco, como sinalou a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartín. 

"Adelgazamento das deputacións, democratización do seu funcionamento e xestión de recursos fóra dos clientelismos son os tres eixos do programa marco"

A transferencia de competencias responderá a un calendario que se negociará nos tres primeiros meses no caso da Xunta e que, no dos concellos, consistirá nunha transferencia directa de recursos para os investimentos prioritarios que decidan os propios municipios. 

Invértense, pois, os termos do proceso, segundo sinalou Goretti Sanmartín xa que o acordo contempla a elaboración dun orzamento cos recursos das deputacións tras escoitar as necesidades dos concellos no canto de ser a propia institución provincial quen decida que subvencionar. “Son os concellos os que deben decidir e, desde as deputacións, proceder á transferencia directa de recursos”, sinalou Goretti Sanmartín. 

A “democratización radical” que contempla o programa marco dirixirase a superar o “presidencialismo” dos entes provinciais e reforzar órganos colexiados como a xunta de portavoces e plenarios ademais dunha modificación do regulamento encamiñado á promover a participación de todos os grupos. Nesta orde de cousas, desaparecerán os fondos de uso discrecional da presidencia. Por outra banda, na distribución de recursos, promoverase o apoio a concellos pequenos, de menos de 50.000 habitantes así como actuacións supramunicipais e comarcais. 

Cambio na Coruña 

O BNG defendeu tamén a súa vontade de aspirar a presidencia da deputación da Coruña, sendo que, ao seu ver, contribuiría para “visibilizar” a nova etapa política e o cambio radical sinalado no programa. Dirixiuse, de maneira especial, á Marea Atlántica que é decisiva á hora de decidir finalmente cara que lado se inclinará a balanza. Segundo a formación nacionalista, a coincidencia programática case total tería que propiciar que a presidencia da deputación da Coruña recaese no BNG. “Falta saber se consideran de interese que sexa o BNG quen leve adiante esa mudanza transformadora dunha maneira intensa e acelerada. A pelota está no seu tellado”, dixo.