O BNG quer converter os concellos "en fortíns" contra as políticas da dereita

O BNG quer converter os concellos "en fortíns" contra as políticas da dereita
Imaxe: M. MONTERO
Imaxe: M. MONTERO  SG

Nunha cimeira que congregou a unha vintena de representantes locais, alcaldías e [email protected] o BNG deseñou unha estratexia política para "combater a folla de rota" dos gobernos do PP e a Troika.


"Non pode haber transformación nacional sen combate local". Así sintetizou a responsábel de acción municipal do BNG, Goretti Sanmartín o obxectivo da cimeira que esta sexta feira desenvolveu o Bloque na capital galega. A organización frontista reuniu nun "foro de debate" as súas alcaldías, [email protected] e responsábeis locais para artellar unha estratexia conxunta "ás políticas da dereita" e "imprimir outras dinámicas" que "combatan os recortes" e as medidas "impostas polos mercados", sinalou Sanmartín. 

Na cimeira estiveron presentes, entre [email protected], os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; San Sadurniño, Secundino García; Riotorto, Federico Gutiérrez, Monforte, Severino González, a alcaldesa de Cariño, Purificación Seixido, ou a deputada da fronte nas Cortes españolas, Olaia Fernández Davila. 

O Bloque organizou a cimeira municipal para artellar unha estratexia conxunta "ás políticas da dereita" e "imprimir outras dinámicas" que "combatan os recortes"

Para @s nacionalistas "é unha obriga" das administracións públicas e [email protected] responsábeis institucionais "garantir o mantemento dos servizos públicos" en tempos de crise mais tamén a pervivencia destes "coa mesma calidade", dixo o rexedor monfortino, Secundino González. Neste senso, o BNG quer artellar de maneira coordinada "todas as alternativas posíbeis" para que "non sexa a cidadanía máis agredida" a que pague as consecuencias das políticas neoliberais. 

Así, esta xornada "de debate" e "posta en común de ideas", aseguraron desde a fronte nacionalista, tivo por obxecto pór en común algunhas das iniciativas postas a andar nos últimos anos desde as diversas localidades e promover "un traballo conxunto" que converta o BNG, dixo o seu voceiro nacional Xavier Vence, "na vangarda da defensa dos dereitos sociais deste país". 

Converter os concellos en fortíns contra a dereita

"Re-valorizar os concellos" como "espazos de participación cidadá" e converter as institucións gobernadas polo BNG "en auténticos fortíns" face a "folla de rota do capital" son os dous retos que se marca a organización frontista para o que resta de lexislatura. Segundo explicou o alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, os concellos "non estamos para xestionar miseria" senón, subliñou, "para pór en marcha políticas diametralmente opostas" ás promovidas polos gobernos do PP e PSOE. 

Algunhas desas mediadas xa están a ser implementadas na actualidade e dan conta, asegurou o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, da postura "de insubmisión" que está a adoptar o BNG nos concellos. Neste senso, Pontevedra constitúe "o único concello denunciado" por se opór á supresión das pagas extraordinarias @s [email protected] e vén de anunciar que superará o teito de gasto imposto polo goberno español para o 2014. 

Os retos que se marca a organización frontista é "re-valorizar os concellos" e convertelos en "fortíns" face "a folla de rota do capital" explicou o alcalde de Riotorto

"Queren reducir o gasto, recortar servizos e impedir aos concellos empregar o remanente", criticou Fernández Lores na súa intervención. Así, asegurou que non "imos dedicar os aforros e o superávit" co que conta Pontevedra para o vindeiro exercicio "para engordar os bancos" senón, asegurou, para pólo ao servizo da cidadanía "crear emprego e promover a actividade económica". 

Son tempos, din desde o BNG de pular pola "economía creativa", como apuntou a rexedora de Cariño, a nacionalista Purificación Seixido. Un outro modelo económico que promova "a colaboración veciñal" e vise "recuperar a cohesión social" nun momento en que, dixo, "desconfiamos uns dos outros". Experiencias que xa están a desenvolver en Concellos como o de Cariño e San Sadurniño a través dos Orzamentos participativos ou a posta en marcha de iniciativas veciñais como o Museo do mar autoxerido pola veciñanza. 

Alternativas fronte a "estratexia de desgaste" do PP

Para o voceiro nacional do Bloque desde o Partido Popular pulan por desgastar á cidadanía para ir introducindo aos poucos o programa de recortes e privatizacións deseñados "co pacto do euro en 2010". Un plan, din, "de desmantelamento" das "conquistas sociais que custou décadas conseguir". Para Xavier Vence, "hai que responder as contra-reformas" que tildou de "reaccionarias" e erguer "a bandeira do público" demostrando "con feitos" insistiu que o Bloque ten vontade "de pór as institucións ao servizo da cidadanía". Mesmo, explicou, "se para iso hai que rachar coa estrutura de competencias" actual.