O BNG reclama en Bruxelas “un trato diferenciado” para a pesca artesanal

O BNG reclama en Bruxelas “un trato diferenciado” para a pesca artesanal
A eurodeputada Ana Miranda (de negro, no centro da foto) coa delagación sobre a pesca artesanal en Bruxelas. Foto: BNG.
A eurodeputada Ana Miranda (de negro, no centro da foto) coa delagación sobre a pesca artesanal en Bruxelas. Foto: BNG.  

Unha delegación de diversos axentes relacionados coa pesca artesanal atópase en Bruxelas para esixir un “trato diferenciado” para o sector. Participan na xornada de treballo organizada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda.
 


O encontro ten como obxectivo analizar os fondos comunitarios marítimo pesqueiros para o período 2021-2027. “Pedimos un trato diferencial para a pesca artesanal de Galiza”, resumiu o patrón maior de Cangas, Francisco Javier Costa. Miranda, pola súa banda, afondou: “Teñen que se contemplar criterios realistas na definición de pesca artesanal, moi ligada á política medioambiental e non só baseados na dimensión das embarcacións”.

A alcaldesa de Moaña, a tamén nacionalista Leticia Santos, é outra das asistentes. Estendeuse sobre as repercusións socioeconómicas da pesca e o marisqueo artesanal. “É un sector chave da nosa economía, especialmente polo seu papel de creador de riqueza de proximidade”, dixo.

A pesca artesanal galega bate, ademais, coa lei de desembarques. O patrón maior de Cangas explicouno: “A pesca galega non ten desembarques, xa que as mareas son de entre 8 e 10 horas e a pesca é selectiva, de xeito que todo o peixe recollido é vendíbel. Nin eles mesmos saben como o van executar”.

Na delegación convidada polo BNG figuran, ademais, o concelleiro de Mar de Fisterra, Xan Carlos Sar; o patrón maior da Illa de Arousa Juan José Millán; de Redondela, Clemente Bastos; de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias; a representante da confraría de mariscadoras da Ría do Burgo, María Teresa Ramiro; un representante da confraría de Fisterra, Rafael López, e de Muros, Primitivo Pedrosa; o experto en pesca da Costa da Morte Emilio Louro; o biólogo da confraría de Barallobre Joám Luís Ferreiro; e o secretario do Consello Regulador do Mexillón, Alfonso Alcaide.



x