O BNG suspende de militancia os concelleiros de Catoira que alcanzaron a alcaldía co apoio do PP

O BNG suspende de militancia os concelleiros de Catoira que alcanzaron a alcaldía co apoio do PP

"Non imos avalar ningún acordo tácito ou explícito co PP", argumentou Ana Pontón en rolda de prensa esta segunda feira. A portavoz nacional do BNG emprazou a dirección do PSdeG —o partido socialista deu a alcaldía ao PP en Fene no canto de apoiar a candidatura do Bloque— a que tome medidas para "restituír" a vontade expresada polo electorado nas urnas.


Xoán Castaño, número un do BNG o 26M en Catoira, foi investido este sábado alcalde grazas ao apoio do PP. A dirección nacional do Bloque reaxiu con rapidez e esta mesma segunda feira Ana Pontón anunciou a suspensión cautelar de militancia dos seus tres concelleiros. A suspensión de militancia vai ir acompañada da apertura dun expediente sancionador. 

"Estas son as medidas que estatutariamente podemos adoptar. É importante responder con coherencia aos valores cos que nos presentamos ás eleccións e que fan parte do noso ideario", dixo a líder nacionalista.

A representación do BNG no concello de Catoira recibiu instrucións da dirección nacional da frente soberanista, mais desouviunas, enfatizou Pontón. "Non imos avalar ningún acordo tácito ou explícito co PP".

Os medios interesáronse tamén por coñecer a opinión de Pontón sobre o sorprendente desenlace da investidura producido en Mondariz, após o PP ter votado a prol da candidatura do BNG. O Bloque, segunda forza máis votada, obtiña así a alcaldía, ao conseguir máis apoios que Alternativa por Mondariz. "É un caso totalmente diferente [ao de Catoira]. O BNG é a segunda forza máis votada. Procurou acordos con outras forzas da esquerda, que si fructificaron no caso do PSOE [non no de Alternativa por Mondariz]", relatou a líder nacionalista. O que aconteceu na votación, o apoio do PP á formación nacionalista, foi unha "sorpresa".

"O que si podemos garantir é que en Mondariz desde logo o que vai haber é un traballo en clave de políticas do Bloque e que non hai ningún tipo de acordo nin coa dereita nin co PP", dixo.

Na análise global da constitución dos novos concellos, Pontón viu o comezo dun "novo ciclo político", caracterizado aos seus ollos polo ascenso do nacionalismo e o "declive" do PP. Sobre o PP, a voceira soberanista puxo no albo o apoio dado por Feixoo a Gonzalo Pérez Jácome en Ourense (en maio o titular da Xunta dixera que para a cidade sería letal ter Jáome como alcalde).

"Feixoo sacrifica o futuro de Ourense para manter o cacicato de Baltar nunha nova demostración de que para el a política é manterse no poder caia quen caia e custar o que custar", alegou.