O BNG urxe crear unha lei galega contra a emerxencia climática

O BNG urxe crear unha lei galega contra a emerxencia climática
Imaxe: GN Pontevedra
Imaxe: GN Pontevedra  

Propón a creación dun comité de crise. A portavoz nacional, Ana Pontón, pide “pasar das palabras aos feitos” para afrontar un problema que é un “perigo real para a viabilidade do planeta”.


A illa das Esculturas de Pontevedra foi o lugar elixido polo BNG para presentación as propostas do nacionalismo sobre medidas para políticas medioambientais destinadas a frear a situación de emerxencia climática. “É preciso actuar sen medo porque estamos ante un perigo que afecta á propia viabilidade do planeta”, dixo Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque e que estivo acompañada no acto por alcaldesas, deputadas e concelleiras. Como anfitrión, o rexedor pontevedrés, Fernández Lores.

Un acto que ten lugar ás portas da realización o vindeiro día 27 dunha xornada mundial de folga e mobilización pola emerxencia climática. Unha mobilización á que o BNG deu o seu apoio.

O nacionalismo urxe a que se poña en andamento unha lei galega contra a crise climática, que sexa base para “unha nova estratexia” que mude as políticas actuais por outras que partan da sustentabilidade. Pontón criticou as políticas medioambientais da Xunta á que acusou de “fabricar cambio climático” tapando a realidade con “propostas cosméticas” como a estratexia de economía circular. Sobre esta cuestión, lembrou que o propio concello de Pontevedra tivo que lembrarlle á Xunta  que os obxectivos marcados na estratexia da económica circular para o ano 2030 xa se cumpre no concello de Pontevedra. A creación dun comité de crise fronte á emerxencia climática é outra das propostas, órgano que coordinaría a Xunta.

Mais o BNG non se limitou a facer propostas e tamén anunciou compromisos, como o de que alí onde teña responsabilidades de goberno facer da loita contra a mudanza climática un eixo das súas políticas.

ADN

Neste sentido, lembrou que a defensa do medio ambiente “·vai no ADN do nacionalismo”, citando exemplos como as mobilizacións e loitas contra os encoros, a loita contra a instalación en Xove dunha central nuclear, pola fin de ENCE na Ría de Pontevedra, Nunca Máis.

Para Pontón, as causas da situación de emerxencia climática hai que procuralas nun “modelo capitalista depredador” que pon por riba de todo “o lucro e beneficio” dos grandes poderes económicos.