O BNG ve indicios de "prevaricación" na venda de NGB e pedirá á Fiscalía que estude o proceso

O BNG ve indicios de "prevaricación" na venda de NGB e pedirá á Fiscalía que estude o proceso
Xavier Vence [Imaxe: SG]
Xavier Vence [Imaxe: SG]  SG

O portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, asegurou que o BNG solicitará que a Fiscalía estude "o proceso de toma de decisións" que deveu na poxa de NGB porque, di, podería existir un posíbel delito de "prevaricación e malversación". A fronte convoca mobilizacións o vindeiro 28 de decembro contra "o espolio de NGB".


O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, avanzou esta segunda feira, en conferencia de imprensa, que a organización frontista solicitará á Fiscalía que estude o "proceso de toma de decisións" inherente á venda de NovaGalicia Banco.

Para @s nacionalistas, existen "moitos indicios" que evidenciarían un eventual delito de "prevaricación e malversación" no proceso de toma de decisións da venda da entidade ao se estar a favorecer, explicou Vence, á banca española face os fondos de investimento. Así as cousas, Vence salientou que a aposta do BNG continúa a ser a transformación de NGB nunha entidade financeira pública.

Vence apunta a un posíbel delito de prevaricación pola venda anticipada de NGB e á malversación polo "desfalco" ao erario público dos 2.260 millóns en exencións fiscais

Para a organización frontista, o posíbel delito de prevaricación resultaría de "tomar, a sabendas, unha decisión en contra dos intereses dos contribuíntes e de Galiza" como é "a venda anticipadada no peor momento posible" e "a malversación polo “desfalco” ao erario público que suporía non computar no prezo de venda 2.260 millóns de euros en exencións fiscais", sinalan. 

Neste senso, o líder do Bloque indicou que a súa formación xa está a recoller argumentos xurídicos que avalan as súas hipóteses mais, indicou, agardarán a que se consume a venda de NGB para que se confirmen. Así, de gañar a poxa unha entidade bancaria española, denunciou Xavier Vence, consumarase a "colonización financeira de Galiza" pois NGB abrangue perto da metade do aforro [email protected] [email protected] Entre as entidades que queren facerse con NGB están La Caixa, Santander e BBVA, un proceso de venda que para @s nacionalistas continúa a se caracterizar pola súa "opacidade e falla de transparencia". 

Manifestacións nas comarcas do país o 28 de decembro

Aliás, o voceiro nacional do BNG criticou a actitude da Xunta de Galiza face o que coidan é un "espolio". Asemade, desde a organización frontista lamentan que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, non sexa capaz de "defender os intereses de Galiza".

Por iso, chaman a toda a cidadanía, "a todas as forzas políticas, axentes sociais e económicos" a se mobilizaren o vindeiro 28 de decembro contra o "roubo" dunha entidade que, reiterou, "é sistémica para Galiza".