O BNG de Vigo proporá que os cargos institucionais non participen en actos relixiosos

O BNG de Vigo proporá que os cargos institucionais non participen en actos relixiosos
Foto: HombreDhojalata
Foto: HombreDhojalata  

O concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, considera un “anacronismo doutro tempo” a presenza neses actos  de cargos institucionais na condición de tales. 


O BNG vai propoñer no Concello de Vigo que ningún cargo institucional participe nese condición en procesións ou actos relixiosos. Faino, indica, desde o “respecto a todas as confesións relixiosas” e a quen libremente queiran participar nas mesmas, mais entende que é un “anacronismo” que cargos municipais en condición de tales asistan a eses eventos.

“Nin eu como concelleiro, nin ningún cargo institucional do BNG, participaremos da procesión do Cristo da Vitoria”, anunciou o concelleiro nacionalista no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas.  O Bloque quere facer “avanzar a nivel municipal a necesaria aconfesionalidade do Estado, separando a igrexa e calquera confesión relixiosa das institucións democráticas”.

Para Igrexas é un anacronismo “que responde a unha tradición doutros tempos” que o Concello de Vigo siga enviando convites oficiais a todas e todos os membros da Corporación municipal para participaren nun acto relixioso, como a procesión do Cristo da  Vitoria, indicándolles, expresamente, que o fagan “portando a medalla de concelleiros e concelleiras”.

O BNG demanda que en Vigo se aplique o criterio que xa está a poñer en práctica noutros concellos, como o caso de Redondela, onde se acordou -co voto do PSOE- separar a institución municipal dos actos relixiosos.