BNG votará en contra da presenza de Vox na Mesa do Congreso

BNG votará en contra da presenza de Vox na Mesa do Congreso

O deputado nacionalista Néstor Rego chama a “ evitar que gane novos espazos” unha forza que cualifica de “anti galega, machista e racista”


BNG considera unha “esixencia” democrática establecer un cordón sanitario coa extrema dereita, “racista, machista e anti galega” que representa Vox e por iso anuncia a súa total disposición a evitar que esta formación teña presenza na Mesa do Congreso que, como máximo órgano reitor da Cámara, vai quedar constituída o vindeiro 3 de decembro.

O deputado electo polo BNG, Nestor Rego, considera que “é unha cuestión de mínima esixencia democrática evitar que unha forza claramente antigalega, que nos nega como nación, que ataca a nosa lingua e a nosa cultura, unha forza ultra españolista, antidemocrática, machista, racista e homófoba gane espazos nos que espallar o seu discurso de odio”.

Ao deputado nacionalista non lle sorprende a posición do PP de permitir que a extrema dereita forme parte do órgano director da Cámara baixa. “No fondo partilla esas mesmas ideas que Vox defende dunha maneira desacomplexada”.