Bruxelas admite a trámite a denuncia contra Sogama

Bruxelas admite a trámite a denuncia contra Sogama
[Imaxe ADEGA]
[Imaxe ADEGA]  

A Comisión de peticións estudará, a instancias da Plataforma contra a incineración, a xestión de residuos practicada pola planta de Cerceda e a Xunta. A Comisión europea tamén abrirá unha investigación.


 

A Comisión de peticións da UE comunicou á Plataforma contra a incineración e pola reciclaxe que admite a trámite a denuncia presentada en 2013 a respeito do Plan de xestión de residuos promovido e financiado polo goberno galego através de Sogama. 

A decisión comunitaria chega dous anos despois de que o grupo parlamentar do PP rexeitase, en solitario, a Iniciativa Lexislativa Popular a prol dun outro modelo de tratamento dos residuos baseado nas 3R's (Redución, Reutilización e Reciclaxe) e após incrementar unilateralmente e sen negociación o canon municipal que grava a recollida e xestión do lixo que recibe Sogama. 

A Comisión de peticións instou tamén a que a Comisión europea inicie un proceso de investigación ao denunciaren desde o movemento ecoloxista que o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza (PXRUG) --baseado na incineración-- incumpriría tres directivas comunitarias: de verquido, de envases e o Marco de residuos. 

A Comisión de peticións instou tamén a que a Comisión europea inicie un proceso de investigación

Na súa demanda a Plataforma contra a incineración e a prol da reciclaxe instan o Parlamento europeo a "avaliar negativamente" o PXRUG 2010-2020 "por non ser conforme a xerarquía de residuos", "ao principio do poluidor-pagador" e "á promoción de medidas de prevención e preparación para reutilización e a reciclaxe". 

Aliás, reclama que a planta de Cerceda sexa considerada "instalacións de eliminación e non de valorización" de acordo co rango de eficiencia enerxética que posúe, inferior ao fixado na directiva europea 2008/98/CE que sitúa o mínimo en 0,6 fronte ao 0,25-0,32 de Sogama. 

Reclaman sancións para a Xunta

Neste senso, a plataforma insta as intitucións comunitarias a sancionar a Xunta de Galiza "polas actuacións en materias de residuos nos últimos anos desde a entrada en vigor das Directiva 94/62/CE, Directiva 1999/31/CE, Directiva 2004/12/CE e  Directiva 2008/98/CE contrarias aos obxectivos establecidos nestas directivas e polo uso de fondos comunitarios para financiar a eliminación de residuos". 

A plataforma ve un "importante chanzo na loita" que a Comisión de peticións tramite a denuncia

En último termo, reclaman que se rexeite unha nova planta de incineración como a que o goberno do Partido Popular deseñaba para O Irixo e que exixa á Xunta a revisión do "modelo centralizado de xestión dos residuos" perante a "ineficacia", din, "dos programas de recollida selectiva". Especialmente o relativo aos envases "que presenta unha moi baixa eficiencia (7,4% de recuperación en 2011) e un moi elevado custo económico e consumo enerxético (de máis de 132 kg de gasóleo por t de residuos de envase recuperados, só na recollida e transporte)". 

Desde a Plataforma contra a incineración e pola reciclaxe coidan que a admisión a trámite da petición supón un "importante chanzo na loita por termos unha saúde e un ambiente máis limpos".