Bugallo é o máis votado en Santiago e Compostela Aberta cae á terceira posición

Bugallo é o máis votado en Santiago e Compostela Aberta cae á terceira posición
[Imaxe: SG] Bugallo votando na mañá do domingo
[Imaxe: SG] Bugallo votando na mañá do domingo  

O retorno de Xosé Sánchez Bugallo á competición electoral en Compostela saldouse cun rotundo triunfo. Co ex alcalde como cartaz, o PSdeG subiu cinco escanos e converteuse ne forza máis votada. Martiño Noriega, actual alcalde, e Compostela Aberta caen á terceira posición coa metade de concelleiros que obtivera en 2015: cinco.
 


O efecto Pedro Sánchez, o recordo das dúas lexislaturas en que Bugallo gobernou en coalición co Bloque e o apoio dos medios de comunicación locais propulsaron a súa candidatura. O BNG tamén subiu, case tres puntos porcentuais, pero quedou cos mesmos dous edís: serán Goretti Sanmartín e Navia Rivas.

O PP de Agustín Hernández resistiu mellor do que lle agoiraban algúns prognósticos e, con 8 concelleiros, mantivo a segunda posición na capital de Galiza. As forzas de esquerda e nacionalistas suman en total 17 edís, fronte aos 8 do Partido Popular. Pero o espazo das chamadas confluencias perde unha das súas prazas máis emblemáticas e Noriega, un dos seus activos máis coñecidos, sofre un duro revés.