Caballero acusa Feixoo de “dar paus sen rumbo”

Caballero acusa Feixoo de “dar paus sen rumbo”
Gonzalo Caballero (PSdeG)
Gonzalo Caballero (PSdeG)  

“Descolado e frustrado” é como ve Gonzalo Caballero o presidente da Xunta debido á continua perda de apoio electoral que sofre o Partido Popular na Galiza.


Nos comicios do 10-N o Partido Popular non foi capaz de sumar unha maioría de apoios na Galiza, ao igual que aconteceu nas eleccións de 28 de abril. Por este motivo e máis polo preacordo alcanzado por PSOE e Unidas Podemos, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ve Alberto Núñez Feixoo “descolocado" e "frustrado".

Após a reunión da Executiva do PSdeG desta quinta feira 14 de novembro, onde se ratificou Xaquín Leiceaga como proposta do PSdeG para senador por designación do Parlamento galego, Gonzalo Caballero asegurou que o Partido Popular se atopa sen rumbo ao ver que "o PSOE conseguiu avanzar cara á configuración dun Goberno progresista e de esquerdas".

Caballero lembrou as declaracións do secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, nas que chamou na pasada segunda feira a evitar un Goberno de Sánchez. Contrapuxo estas afirmacións coa defensa que Núñez Feixoo está a realizar da denominada ‘gran coalición’, en referencia a un pacto entre PSOE, Cs e PP para gobernar o Estado.

“Fexioo está frustrado na vida política porque non conseguiu o que quería en España e porque perde a maioría na Galiza en tres convocatorias en 2019”, sinalou o líder do PSdeG.

A ese respecto, Caballero sinalou que se o PP quixese facilitar unha investidura no Estado “teno tan fácil como dicir aos seus deputados que apoien ao goberno presidido por Sánchez" e recalcou sobre o xefe do Executivo galego que está a dar “paus sen rumbo”.

Nesta liña, considerou que Feixoo tamén está preocupado porque "Casado non o incorpora na dirección do PP no lugar onde lle gustaría".

Un partido “constitucional e constitucionalista”

Gonzalo Caballero deixou claro que o PSOE é "un partido constitucional e constitucionalista" e afirmou que o PSOE goberna cun "respecto e unha aposta pola Constitución con claridade".

"Nós non somos independentistas e cremos que dentro da Constitución e do diálogo con respecto á lei pode caber todo o que sexa democrático, pero á marxe da Constitución e da lei non cabe nada”, sentenciou Caballero.