Caballero arrisca un prognóstico: "Eu vou conseguir 21 concelleiros e Feixoo, 4"

Caballero arrisca un prognóstico: "Eu vou conseguir 21 concelleiros e Feixoo, 4"
Caballero, co bastón de mando da cidade
Caballero, co bastón de mando da cidade  

En 2015 o PSOE xa obtivo unha maioría moi por cima da absoluta, con 17 edís sobre 27 e 51,8 por cento dos votos.


A estratexia de Abel Caballero é clara: el é Vigo e o seu rival non é Elena Muñoz, a candidata local do PP, senón Feixoo. Este domingo, interpelado nunha entrevista en Radio Galicia-SER sobre un prognóstico para o último domingo de maio de 2019, avanzou: "Eu vou conseguir 21 e Feixoo, 4".

"Non quero faltar ao respeito a ninguén, mais digo Feixoo porque é a cabeza visíbel do PP. Mais si, calcule algo destas características: eu terei 21 e a señora Muñoz terá 4", dixo.

Caballero dixo que a súa candidatura trascende con moito as lindes do PSdeG e que recibe "moitos votos" de persoas que noutras eleccións apañan as papeletas de PP, Ciudadanos, Mareas e BNG.

A campaña de Caballero vai discorrer por un único carril: el contra Feixoo, a quen dixo ver "raiboso" porque cría que "as luces ían fracasar en Vigo" e, porén, "son un éxito".

En 2015 o PSdeG conseguiu 51,8 por cento do voto e 17 concelleiros, o mellor resultado da historia dos socialistas nas municipais na cidade máis populosa do país. O PP naquela altura obtivo 20,47 por cento das papeletas e 7 asentos, en tanto que a Marea de Vigo recibía o apoio de 11,5 por cento do electorado, o que lle reportou tres representantes no pleno municipal. O BNG ficou ás portas de entrar na corporación local, ao estrelarse pola mínima contra o límite do 5 por cento do voto (acadou 4,82 por cento e 6.800 sufraxios).