RECORTES EN SANIDADE

Caballero culpa a Xunta do agravamento da sanidade no verán por non cubrir as ferias do persoal

Caballero culpa a Xunta do agravamento da sanidade no verán por non cubrir as ferias do persoal
Gonzalo Caballero no Parlamento Galego
Gonzalo Caballero no Parlamento Galego  Foto: Laura R. Cuba

Cada verán “agrávase a crise da sanidade galega”, denunciou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen sinalou a Xunta como culpábel desta situación por non cubrir as baixas nin as ferias do persoal sanitario, e puxo como exemplo a precariedade en medicina de familia e pediatría.


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou que cada ano coa chegada dos meses de verán empeore “a crise da sanidade galega”. Culpou o líder do PSdeG a Xunta desta situación por non querer cubrir “as baixas nin as ferias de, por exemplo, o persoal médico de familia e pediatras”.

"A Xunta non quere cubrir as baixas nin as ferias de, por exemplo, o persoal médico de familia e pediatras”, denunciou Caballero

Nunha rolda de prensa decorrida nesta cuarta feira 14 de agosto, Caballero sinalou o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, como responsábel dos recortes das políticas sanitarias que de novo se agudizan nos meses estivais. Nese sentido, tamén criticou que Feixoo estea a buscar "responsábeis externos" da crise sanitaria e que trate de "botar balóns fóra" atacando o goberno central “vestíndose de vítima” para "evitar render contas" da súa xestión sanitaria.

Desta maneira, sinalou que todos os centros de saúde da Galiza "partillan problemas derivados da precariedade e da falta de persoal", polo que lamentou que Feixoo "non pasase da política do botafumeiro a tomar decisións reais" que melloren a atención sanitaria.

Para Gonzalo Caballero a actuación de Feixoo redúcese a unha "campaña de anuncios e de mercadotecnia"

Para Gonzalo Caballero a actuación de Feixoo redúcese a unha "campaña de anuncios e de mercadotecnia" e parabenizou o sector da sanidade pública “porque lle está a ensinar a realidade” a Feixoo.

"Todos os centros de saúde teñen problemas na etapa estival", insistiu Caballero, mais resaltou o caso de Ogrobe, onde, segundo as súas cifras, o centro de saúde chegou a quedar algún día cunha soa persoa médica das seis que integran o seu persoal.

Gonzalo Caballero quixo tamén dar voz ás protestas do persoal enfermeiro, un sector en que a eventualidade "está a facer estragos", con contratos "de días" por mor das decisións do executivo galego, denunciou.