COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN SOBRE O SINISTRO DO MARISQUIÑO

Caballero nega a capacidade do Parlamento para fiscalizar as súas responsabilidades

Caballero nega a capacidade do Parlamento para fiscalizar as súas responsabilidades
Caballero le a Constitución no comezo da comisión
Caballero le a Constitución no comezo da comisión  

Parapetado tras a lectura da Constitución española que, segundo a súa interpretación, blinda a "autonomía local" de calquera tipo de fiscalización.


Caballero dedicou as súas primeiras palabras a mostrar a súa solidariedade coas vítimas do sinistro do Marisquiño, "teñen todo o noso recordo, o noso cariño", dixo.

A seguir, o alcalde de Vigo leu o artigo 140 da Constitución española, un precepto que, segundo dixo, "garante a autonomía dos concellos". A idea de que o Parlamento galego non é quen para xulgar as súas eventuais responsabilidades no accidente permeou todo o seu discurso. Botou tamén man dun informe do Consello de Estado segundo o cal as asembleas lexislativas só teñen facultades para controlar o poder executivo que emana delas, pero non outro órgao executivo eleito por outro corpo electoral (neste caso, as e os vigueses).

Caballero deslexitimou en todo caso a comisión, proposta polo maior grupo da cámara, co argumento de que as súas conclusións estaban predeterminadas. "Non facía falta esta comisión. Os culpábeis xa están determinados", dixo.

Na quenda de intervencións dos distintos grupos, Olalla Rodil (BNG) dixo ver na intervención de Caballero a intención de "ocultar algo", en tanto que Carmen Santos (En Marea) reivindicou a capacidade fiscalizadora do Pazo do Hórreo: "Se houbo un fallo político, ten que se dirimir aquí". Por parte do PP interveu Alberto Pazos, quen demandou a Caballero que asumise as súas responsabilidades políticas. O PSdeG non tomou parte na comisión, ao considerala una especie de oficio inquisitorial contra o alcalde de Vigo, a día de hoxe o seu maior activo institucional.

Após a intervención dos distintos portavoces, Caballero desviou o tiro das responsabilidades á Autoridade Portuaria de Vigo: "O que se fundiu foi unha inmensa estrutura de formigón e o titular é o porto".



x