COMEZO DO CURSO POLÍTICO

Caballero presenta as deputacións como a antesala do cambio na Galiza

Caballero presenta as deputacións como a antesala do cambio na Galiza
Caballero, cos presidentes das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo [Imaxe: PSdeG]
Caballero, cos presidentes das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo [Imaxe: PSdeG]  

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, abriu hoxe en Compostela o curso político presentando as deputacións presididas polo seu partido como "garantía de progreso, modernización e avance social" e antesala "dun goberno de progreso para Galiza" que "rache coa hexemonía do PPdeG". 

"Sabemos gobernar", recalcou Caballero diante dos presidentes das deputacións da Coruña, Valentín González; Pontevedra, Carmela Silva, e Lugo, José Tomé. "Fomos a primeira forza nas eleccións xerais e nas europeas, e acadamos tamén uns resultados históricos nas municipais, liderando a posibilidade do cambio" para Galiza, engadiu. 

Gonzalo Caballero chamou a "iniciar un novo tempo político na Galiza co impulso das forzas de progreso lideradas polo PSdeG, que representa a capacidade de construír unha Galicia nova, máis dinámica e máis igualitaria, e de gobernar para a maioría". O candidato socialista á presidencia da Xunta avogou así pola "rexeneración política, o impulso dos servizos públicos, o compromiso co desenvolvemento sostíbel e a igualdade entre homes e mulleres".

Destacou o líder do PSdeG os plans únicos das deputacións cogobernadas polo seu partido, a través dos cales os fondos "se reparten con criterios obxectivos", fronte o "amiguismo e discrecionalidade perversa que caracteriza a acción de goberno do PP". 

Caballero asegurou que cando sexa presidente da Xunta "haberá un compromiso claro co equilibrio territorial", obxectivo que, segundo dixo, non foi quen de conseguir Feixoo nos dez anos que leva á fronte da Xunta. 

O deputado contrapuxo a actuación das deputacións gobernadas polo PSdeG coa de Ourense, onde, manifestou, "un pacto contra natura do PP con Jácome impediu cumprir a vontade da maioría dos veciños de dar o relevo" nunha institución que acumula, dixo, "décadas de historia de caciquismo".