Caballero: “A única medida de Feixoo para Meirás foi entregar 50.000 euros aos Franco”

Caballero: “A única medida de Feixoo para Meirás foi entregar 50.000 euros aos Franco”
[Laura R. Cuba] Gonzalo Caballero
[Laura R. Cuba] Gonzalo Caballero  

O secretario xeral do PSdeG acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de se “colgar medallas” a respeito da demanda presentada polo Goberno central para recuperar o pazo de Meirás para o pobo.


“A súa única medida para Meirás foi entregar aos Franco 50.000 euros de cartos públicos” para “sufragar” a apertura do pazo de Meirás ao público. Así criticou Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, o presidente da Xunta a respeito do posicionamento sobre o inmoble, despois de que o Goberno central presentase unha demanda para devolverllo ao pobo.

“Non fixo nada ao longo dos seus 10 anos de mandato”, nin tampouco, “ante o goberno de Raxoi”. Acusou tanto Feixoo como Raxoi de “non querer incomodar os Franco”. As negativas á apertura do pazo ao público malia a obriga legal por ser un Ben de Interese Cultural (BIC) son exemplos, afirma nun comunicado de imprensa, da “inacción” da Xunta.

Tampouco houbo ningunha reacción do Goberno da Xunta, denuncia, “ante as reiteradas queixas dos visitantes da que fora residencia de Emilia Pardo Bazán pola apoloxía do franquismo que facían os guías –da Fundación Francisco Franco– durante o percorrido polas instalacións”.