SESIÓN DE CONTROL NO PARLAMENTO

A cabeza do conselleiro pende de Verín

A cabeza do conselleiro pende de Verín
Ana Pontón, na sesión de control ao presidente desta cuarta feira. (BNG)
Ana Pontón, na sesión de control ao presidente desta cuarta feira. (BNG)  
O principal campo de batalla política na Galiza non estaba esta cuarta feira na sesión de control ao Presidente no Parlamento, pero até aquí chegaron os ecos do conflito desatado en Verín, coas mulleres en pé contra o feche do paridoiro no Hospital que atende a comarca. A cabeza dun conselleiro está en xogo. Ana Pontón apuntou á consellería sen nomear ao conselleiro. “Suprímaa”, díxolle a Alberto Núñez Feixoo. 

As normas parlamentares teñen estas cousas. As cuestións que se levan a pleno deben ser formuladas e rexistradas con semanas de antelación. Estoupa unha crise e as portavoces vense facendo xogos malabares para introducir as súas posicións no debate. O Goberno leva vantaxe. Define o marco a través dos medios afíns (que neste país son case todos) e estabelece os tempos. Con todo, desta volta a crise colleu o PP despistado. Non soubo calibrar as dimensións do malestar da comarca de Verín e parece que pensa tratar o problema como trata este Goberno calquera problema: mentiras, días e paciencia, que xa cansarán.

O día que o portavoz do PSOE Gonzalo Caballero empezaba a voar só e puxo unha garabata vermella afiada e moi institucional, a dinámica parlamentaria estivo a piques de deixalo fóra de foco. Case... porque Caballero empeza a medrar, timidamente, e reaccionou para converter unha crítica á política industrial da Xunta nun ataque a Feixoo pola súa falta de "coraxe" para enfrontar ás veciñas e veciños de Verín.

Caballero empeza a medrar, timidamente, e reaccionou para converter unha crítica á política industrial da Xunta nun ataque a Feixoo pola súa falta de "coraxe" para enfrontar ás veciñas e veciños de Verín.

Caballero, con Luis Álvarez á súa esquerda no escano que antes ocupaba Leiceaga (agora estratega principal do socialismo galego con asento no Senado), cualificou Feixoo de "insolente" por atreverse a aconsellar o líder da oposición estar "caladiño" en materia de política industrial, sendo como é un socialista herdeiro da reconversión dos oitenta.

A bancada popular protestou e Caballero soubo por fin colocalos no seu sitio (é dicir, fóra do Parlamento): "Están nerviosos porque a metade vese en risco de non repetir".

Pouco máis que fogos de artificio nun combate (Feixoo-Caballero) que non era o que pedía o día.

Na ruleta das normas parlamentares saiu gañando o Bloque. Tiña Ana Pontón rexistrada unha pregunta sobre Verín, porque Verín, o hospital comarcal, leva meses sufrindo retallos. E os retallos matan, como lembrou a líder nacionalista, que pareceu querer tocar un corazón, o de Feixoo, que só se conmove cando se autoproclama campión na defensa de Galiza. "Gustaríalle que esa muller e ese fillo que teñen a asistencia sanitaria a 60 minutos de Verín foran a súa compañeira e o seu fillo?", preguntou Pontón.

Unha decisión técnica

A resposta do presidente foi a mesma que leva días dando o conselleiro, que no seu escano, diante xusto de Pontón, agochaba a cabeza -esa que pende do fío-. É unha decisión técnica da que emana unha advertencia sobre a seguridade das nais e dos neonatos. "Non llo di o PP, están a dicilo 44 profesionais dos servizos afectados da área de Ourense, empezando polo xefe de xinecoloxía", contestou Feixoo. "É unha decisión exclusivamente sanitaria", insistiu.

"Non o creo", retou Pontón. "E se así é, suprima a Consellaría, se non toma decisións políticas, suprímaa". E o conselleiro, Vázquez Almuiña, alí diante, con frío no pescozo.

"Non o creo", retou Pontón. "E se así é, suprima a Consellaría, se non toma decisións políticas, suprímaa". E o conselleiro, Vázquez Almuiña, alí diante, con frío no pescozo.

Feixoo non o defendeu. Protexeuse nas médicas e médicos que aconsellan fechar o paridoiro en Verín nun escrito que parece feito ad hoc -as crises é o que teñen, xorden e non dá tempo a preparar o terreo-, mais deixou o conselleiro en campo descuberto -as crises son así, ás veces cómpre entregar cabezas para frealas-. "Non sexa covarde", recriminou Pontón ao presidente. "Non poña en risco a saúde e os dereitos das nais e das nenas e nenos", esixiulle.

Fóra do Parlamento, alí onde se libra a batalla política estes días, a que ameaza con rebentar a estratexia de xestión do PP (mentiras, días e paciencia) porque a xente vai perdendo a paciencia e mira e non ve por ningures os resultados da "lexislatura do rural", mesmo o PP de Baltar ten que ir poñéndose de parte da xente e pide un xesto enérxico, rápido e eficaz. Caerá.