Cada día anótanse 3 persoas no rexistro de demandantes de vivenda

Cada día anótanse 3 persoas no rexistro de demandantes de vivenda
Vivendas en alugueiro [Imaxe: Laura R. Cuba]. 
Abaixo: Antón Sánchez e María Pierres, durante a comisión desta quinta.
Vivendas en alugueiro [Imaxe: Laura R. Cuba]. Abaixo: Antón Sánchez e María Pierres, durante a comisión desta quinta.  
A oposición denuncia a inacción da Xunta en materia de vivenda e “a conivencia cos especuladores” durante unha tensa comisión parlamentar na que o PP rexeita incrementar o parque público de casas en alugueiro, reformar a lei galega e crear un imposto autonómico para penalizar aos grandes posuidores de vivendas baleiras.

A política de vivenda do PP durante os dez anos de goberno Feixoo resumiuna Antón Sánchez, do grupo Común da Esquerda e autor da iniciativa que deu pé ao debate: “Deixan a política de vivenda en mans dos especuladores. Cando lles interesa construír pisos de protección oficial, si hai cartos públicos; cando as necesidades sociais o impoñen, non”.

A comisión de Ordenación Territorial desta quinta feira desenvolveuse nun ton ácido despois de que o voceiro popular, Jaime Castiñeira, cualificase as políticas de vivenda do bipartito e dos gobernos municipais das mareas como “política de ocupación”.

Antono VIVENDAAntón Sánchez propuxo incrementar o parque público de vivendas en alugueiro a prezos taxados e penalizar aos grandes posuidores de vivendas baleiras cunha taxa autonómica. “Non pode saírlles máis barato telas inmobilizadas á espera de tempos mellores para especular que poñelas en alugueiro”, razoou o deputado de Anova.

A iniciativa foi emendada polo PSOE, que pediu incluír unha definición do concepto vivenda baleira a través dunha modificación da lei galega. “Pódese facer aquí”, insistiu María Luisa Pierres. Na comisión lembrouse que houbera un acordo para esperar que o Goberno español desenvolvera a norma estatal, que tamén habilitaría aos concellos para, a través do IBI, incentivar o mercado do alugueiro.

Pirres VIVENDAPierres, que cualificou de “evidente inacción” o traballo dos gobernos Feixoo en materia de vivenda, ofreceu os datos máis desalentadores sobre a profundidade do problema na Galiza: entre maio de 2018 e setembro de 2019, as inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pasaron de 11.801 a 14.286. “Tres persoas máis cada día, 90 familias ao mes no país”, subliñou. E anotou máis cifras: esas 14.286 persoas inscritas corresponden a máis de 35.000 familias con necesidades de vivenda na Galiza. Cando había que estar construíndo 600 vivendas ao ano, dixo Pierres, a Xunta está construíndo 6.

A iniciativa e a emenda foi apoiada por toda a oposición. Luís Bará, do BNG, achegou outro dato: dos 2,3 millóns previstos o ano pasado para axudas ao alugueiro, a Xunta executou 53.000 euros. “Converteron un dereito nun luxo. Os prezos tiveron un incremento desmesurado, a oferta baixou, tamén o investimento público, e os salarios seguen caendo... Estamos asistindo a un festín dos voitres”.