LIDIA SENRA, EURODEPUTADA

"Se no seu momento hai unha proposta para continuar en Bruxelas, valorareina"

"Se no seu momento hai unha proposta para continuar en Bruxelas, valorareina"

Lidia Senra foi eleita en 2014 eurodeputada pola Alternativa Galega de Esquerdas en Europa (AGEe), unha confluencia que xa non existe. Explica que ela continúa co seu traballo na Eurocámara para dar voz en Bruxelas, indica, ás loitas que se están a dar na Galiza en diferentes frontes: da defensa da terra á pesca artesanal, da preservación do patrimonio ao sector leiteiro. Sobre o seu futuro, coas eleccións europeas no horizonte de 2019, indica: "Se no seu momento hai unha proposta para continuar [en Bruxelas], valorareina".


4En xuño fanse catro anos desde a súa toma de posesión como eurodeputada. Viña dun mundo que non era o institucional. Como valora estes anos? 


Eu viña doutro mundo, efectivamente, que non eran as institucións, mais o traballo europeo non me era descoñecido: participei activamente na Coordenadora campesiña Europea e no que agora é a Coordinación europea da Vía Campesiña. Desde esa perspectiva, e se ben é certo que nun campo concreto como o agrario, si que tiña experiencia. Daquela tamén tiñamos contacto coas institucións europeas. Participei no que eran os comités da propia Comisión Europea coas organizacións agrarias. O espazo europeo, pois, non me era descoñecido. A valoración? Temos que ser moi conscientes da capacidade e posibilidades que ten o Parlamento europeo, que non ten iniciativa lexislativa. Cando chegamos en 2014 á Comisión europea presentamos a proposta para modificar o regulamento da agricultura ecolóxica. Ese proceso acabou neste último pleno, catro anos despois.

Hai que armarse de paciencia.

Nesta caso si. Había moitos intereses por parte dos Estados e iso alongou moito o proceso de negociación. Ademais, tes que ser consciente de que fas parte dun grupo minoritario [Senra está no GUE/NGL: Esquerda unida europea/ Esquerda verde nórdica], que non sempre logra que as súas proposicións saian adiante. Agora, estar aí dáche a capacidade de levar a voz das clases populares a estas institucións. 
Para nós é moi importante achegar ao Parlamento europeo as loitas que están a levar diferentes colectivos do país, desde a loita contra a violencia machista até a da defensa da terra; da pesca artesanal ao agro, pasando polas pensións ou contra a eucaliptización. E isto compleméntase con xornadas que facemos en Galiza, tratando cuestións diferentes e nas que se dá a posibilidade aos colectivos implicados nestas loitas de se encontrar entre eles, debater, facer puntos en común. Iso para nós é moi importante, porque de aí saen iniciativas que nós despois levamos a Bruxelas.

Traslada esas inquedanzas a Bruxelas.

Nós temos feito moitas preguntas sobre a avaliación de impacto ambiental (AIA) que a Xunta fai de moitos proxectos en Galiza. Estamos convencidos de que se a Comisión tomase en serio e inspeccionase os resultados favorábeis de moitas destas avaliacións, non as aprobaba. A nada que se risque vese que hai proxectos que teñen un impacto moi grande. Pero iso non se controla: a Comisión di unha cousa pero as medidas que se implementan van en sentido contrario ao que din.
 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 294 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]