10-N

Cae a participación na Galiza 5,73 puntos e no Estado 3,9 ás 18 horas

Cae a participación na Galiza 5,73 puntos e no Estado 3,9 ás 18 horas
Votacións no 10-N
Votacións no 10-N  

Ás 18 horas deste domingo electoral a participación baixou na Galiza 5,73 puntos. Votou xa o 53,27% do electorado cando no 28A fixérao na mesma franxa horaria o 58,91%.


A participación no 10-N cae 5,73 puntos na Galiza e case 4 no Estado respecto das últimas eleccións xerais de 28 de abril.

A Galiza rexistra un 53,27% de participación con perto do 99% das mesas analizadas, segundo os datos facilitados polo portal do Ministerio do Interior. 

Dáse por tanto unha caída de participación de 5,73 puntos respecto das pasadas eleccións xerais do 28 de abril, xa que á mesma hora daquela a participación era do 58,91% e votaran 1.320.046 persoas.

Dos 2.237.377 millóns de galegas e galegos chamados a votar este domingo segundo o censo, na circunscrición da Coruña xa votou o 52,81% das e dos electores, mentres que na de Lugo fíxoo o 51,41%, o 52,24% na de Ourense e o 54,85 na de Pontevedra (a única cunha participación superior á media da Galiza). .

O índice de participación no Estado tamén descende. Así rexistrase unha baixada de 3,9 puntos respecto da acadada na mesma franxa horaria nas anteriores eleccións xerais de 28 de abril.

Os datos facilitados polo Ministerio do Interior con perto do 99% das mesas contadas sinalan que no Estado lévase un 56,85% de participación fronte o 60,74% (21.137.842 votantes) que se levaba á mesma hora o 28A.

A participación ás 14 horas

Galiza ás 14 horas rexistraba un 31,98% de participación co 98,63% das mesas analizadas. Isto significaba unha caída de participación de 5,04 puntos respecto das pasadas eleccións xerais do 28 de abril, xa que á mesma hora daquela a participación era do 36,97%. No Estado levábase un 37,89% de participación (12.630.485 votantes) do total de persoas electoras fronte o 41,49% (14.437.177) que se computara á mesma hora o 28A.